O proxecto educativo asesora e orienta a familias con nenos de 0 a 6 anos da Mariña lucense e a Terra Chá
02 nov 2020 . Actualizado a las 10:16 h.A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), acaba de premiar ao proxecto educativo Educando en Familia, que se desenvolve en diferentes municipios da Mariña lucense e da Terra Chá, «polo seu traballo no acompañamento educativo ás familias con nenos entre cero e seis anos». A distinción, que ten unha dotación económica de 10.000 euros, enmárcase na categoría de «iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por mulleres» da décimo primeira edición dos Premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural. Deste xeito, Educando en Familia é coordinado en municipios mariñáns como Viveiro, Xove, O Vicedo, Ourol, Ribadeo ou Barreiros, entre outros, polas mestras e orientadoras Encarna Santos e Estefanía Eijo, e por Ana María Vázquez en concellos chairegos como Guitiriz. O Agader tamén recoñece que entre os obxectivos do proxecto está o de «potenciar a igualdade entre homes e mulleres como valor transversal en todas as actividades, adaptándoas ás circunstancias de cada familia». Por mor da pandemia do coronavirus, este curso Educando en Familia só se celebra con adultos, que participan en sesións grupais con todas as medidas para previr contaxios, como poden ser o uso de mascarillas ou a distancia social.
Un blog moi activo
Mentres a situación sanitaria non recupera a normalidade, o equipo de Educando en Familia tamén está reforzando a programación telemática que ofrece a través do blog www.educandoenfamilia.org, e no que semanalmente colga contidos que poden orientar e axudar ás familias no proceso educativo das nenas e dos nenos.