
«O ano pasado, cando abriron, houbo tanto bum que xente quedou sen ela», indica Francisco Javier Eijo García, xerente de AM Caravaning en Burela
11 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A pandemia provocou forzosamente cambios na forma de entender o turismo e nos gustos particulares de viaxar. Preferencias existentes antes da irrupción do covid, como o uso da autocaravana á hora de ver mundo, acabaron por consolidarse e expandirse nestas circunstancias. Aínda que esas rutas sobre rodas evocan sensacións de «liberdade» e «independencia», coma todos os sectores viven igualmente no contexto da crise sanitaria condicionadas por peches perimetrais e movilidade limitada. Indagamos de primeira man o nivel da demanda actual na Mariña dunha forma de facer turismo tan aventureira, a través do focense Francisco Javier Eijo García, coa axencia AM Caravaning en Burela dende o ano 2016, que se dedica a aluguer e compra-venta de autocaravanas e turismos.
-Como evolucionou a demanda neste primeiro ano de pandemia?
-Eu renovara flota o 14 de marzo do ano pasado e xusto cando viña coas novas compradas, ese mesmo día, quedamos pechados. Ao principio, a demanda estivo totalmente parada pero logo funcionou moi ben todo xullo, agosto e setembro. Ata os peches perimetrais. Despois do verán, volveu a pararse dende outubro ata San José, cando empezaron a abrir outra vez e puideron volver a saír e agora estamos cubrindo todas as fins de semana: completo.
-Como se presenta o verán?
-Xa hai moitas reservas feitas. Igual un 40% dos días xa están reservados: en xullo, agosto e setembro. O ano pasado, cando abriron, houbo tanto bum que houbo xente que se quedou sen autocaravana, eu non tiña máis e a competencia tampouco. Moitos deses, como xa saben cando teñen as vacacións e están escarmentados do ano pasado, quixeron ser dos primeiros en reservar para este ano. O aluguer, en primavera e verán, funciona moi ben. A compra-venta vai por rachas, mellor cando a economía vai ben.
-Cantas autocaravanas alugan?
-Seis. Pero cando empezan a tirar delas, a verdade é que farían falta máis. Pero valen o que valen, e non se dá chegado a tanto...
"Hai xente que creo que na vida se planteou pillar en aluguer unha autocaravana, xente que antes era máis de hotel ou apartahotel e hoxe nos está alugando autocaravanas"
-Case volas quitan das mans a veces, por dicilo doutro xeito!
-Hai xente que creo que na vida se planteou pillar en aluguer unha autocaravana, xente que antes era máis de hotel ou apartahotel e hoxe nos está alugando autocaravanas. Por un lado, temos xente asidua, de todos os anos, pero tamén moita xente nova.
-Cantas chamadas pode recibir ao día de xente interesada agora?
-Agora, para a ponte das Letras Galegas en maio por exemplo, xa non temos autocaravanas dispoñibles; levamos máis de vinte chamadas recibidas. Por día, cinco ou seis chamadas recibo. Dáme rabia dicir agora para eses días que non teño autocaravana, porque cando non tes clientela estás clamando por que te chamen... Creo que as autocaravanas xa empezaron a poñerse de moda antes da pandemia: á xente gústalle esa liberdade. Pero antes eran máis para xente de mediana idade en diante, ou xubilada que tiña máis tempo. Agora, o perfil xa é de moita xente nova ou moitas parellas con nenos...
-Ademáis, foi mellorando a rede de áreas para autocaravanas.
-Tanto públicas e privadas cada día, por sorte, temos más.
-Esta Semana Santa víronse bastantes pola comarca...
-É unha zona bonita de paso.
-É caro ou non o aluguer?
-Depende da temporada. Andamos entre 80 euros a baixa e 150 a alta. Tamén depende do modelo.
-Que modelos ofertan? Cal sería o favorito e cantas prazas teñen?
-A favorita é a Benimar 296. Esa mesmo tén cinco plazas, que é ideal para catro persoas. As nosas autocaravanas van de 2 a 7 prazas e as que se ven na nosa páxina son moi bonitas e modernas.
-No resto de Europa parece que sempre houbo un gusto por elas.
-Van moi adiantados. Alemaña foi punteira, pero agora písanlle os pés Francia e Italia. En Italia está a «fábrica dos churros» das autocaravanas. E en Francia, de feito, as grandes áreas de descanso están preparadas para elas.
-Adonde chegou viaxando en autocaravana? Que modelo ten?
- Eu levo toda a vida viaxando en autocaravana e indo de cámping. Fun a Italia, e a Alemaña tamén. Andiven moito. Agora teño unha grande, unha Chausson.