
Nomeado membro da comisión técnica do centro de documentación sociolingüística de galicia
13 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Hai homes que loitan un día e son bós. Hai outros que loitan un ano e son mellores. Hai quenes loitan moitos anos e son moi bós. Pero hainos que loitan toda a vida: esos son os imprescindibles».
A verdade é que esta frase de Bertolt Brecht, sendo como é tan coñecida, cando nos propuxemos facer un texto arredor de Bernardo Penabade polo seu nomeamento como membro da Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega, dimos en pensar que é das que máis axeitadamente se podería empregar para dar conta da traxectoria vital deste noso ben querido amigo, filólogo, escritor, profesor, membro da AGAL, e un dos fundadores de Nordés, entre outras moitas cousas.
Porque Bernardo, dende que de neno ía á escola alí nas súas queridas Grañas do Sor, matria igualmente de Lino Novás Calvo, e despois de alindar nas vacas e contribuír nas tarefas do campo e da casa, aínda sacaba tempo e folgos para escoitar os contos dos seus maiores e aprender os nomes, voces e expresións empregados na súa contorna, inquedanza que o levou a adquirir un compromiso filolóxico e persoal coa terra, tradicións, xentes, fala e cultura.
E foi así que, co paso do tempo, o noso amigo e compañeiro ven de deixar en todos estes anos pegadas inesquecibles en espazos, institucións, e sobre todo persoas, pois se algo hai que destacar de Penabade, ademáis de ser home de mente preclara, é a súa calidade como ser humano, sempre disposto a axudar no que se lle pida, a aportar sen esperar pago algún, e a estabelecer canles de interconexión cultural baseados no diálogo e no respeto mutuo dándolle prioridade ás relacións persoais.
Probas do seu bo facer e á súa capacidade para estabelecer espazos colaborativos hai moitas: o traslado do arquivo de Lino Novás Calvo de EEUU a Galicia; o éxito obtido na reivindicación de Carvalho Calero como figura senlleira da cultura galega; a multitude de actos, conferencias, seminarios e congresos organizados grazas ao seu pulo apaixoado en prol da cultura e da língoa; ou a grande repercusión que está a ter o Modelo Burela dentro do ámbito educativo. E agora esta a súa inclusión nunha das Comisións Técnicas do Consello da Cultura Galega.
É por iso que dende Nordés, ao tempo que felicitamos ao noso amigo e compañeiro polo seu nomeamento para formar parte da amentada Comisión Técnica, dámonos os parabéns a nós mesmos e ao conxunto da comunidade cultural galega, porque non só é un recoñecemento a unha laboura de toda a vida, senón tamén a unha forma de facer as cousas e á bonhomía de Bernardo Penabade Rei, nado nas Grañas do Sor, home imprescindible