Ciclo de charlas de Educando en Familia sobre uso da tecnoloxía e acoso escolar
A MARIÑA
Dará comezo este luns ás 10.30 horas en Ribadeo, e continuará no resto da Mariña ó longo de maio
02 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Dentro da iniciativa Educando desde a infancia, o proxecto educativo Educando en Familia levará a cabo durante o mes de maio en distintos concellos da Mariña un ciclo de charlas nas que se abordarán os riscos das novas tecnoloxías e o acoso escolar. Poderán asistir a elas todos os membros da comunidade educativa, como familias, alumnos ou docentes. Serán impartidas, entre outros, por formadores e profesionais da Garda Civil e da Policía Nacional. Darán comezo este mesmo luns en Ribadeo, cunha conferencia que terá lugar a partir das 10.30 horas na Escola de Música.
O 25 de maio o ciclo de divulgación continuará en Mondoñedo, no Centro de Atención Temperá, tamén ás 10.30 horas. Á escola unitaria de Vilaronte, en Foz, chegará o 19 de maio ás 10.30 horas, mentres que no centro social de Barreiros terá lugar o 26 de maio ás 15.30 horas. A Casa da Cultura de Alfoz acollerá o proxecto o 20 de maio ás 10.30 horas. Ademais, en Ourol os profesionais impartirán unha charla no edificio multiusos o 24 de maio ás 11.30 horas. O 18 de maio ás 10.00 horas estarán no auditorio de Cervo, toda vez que o 11 de maio irán a Burela (salón de conferencias, 10.00 horas).
Policía Nacional en Viveiro
O 27 de maio estarán no Vicedo, na Casa da Cultura ás 10.30 horas, e axentes da Comisaría da Policía Nacional de Viveiro darán unha charla na Academia CEM, situada en Covas.
Ademais, o ciclo educativo tamén chegará a municipios da Terra Chá e do norte de Lugo, como Riotorto, Guitiriz, Begonte, Castro de Rei, Outeiro de Rei ou Xermade este mes.