Paleo, na súa chegada a Viveiro: «Ser valorado no teu pobo é algo moi bonito»

A MARIÑA

Barreiro, Paleo e Buján, na súa chegada a Viveiro
Barreiro, Paleo e Buján, na súa chegada a Viveiro PEPA LOSADA

Aplausos, apertas e bágoas no recibimento ao ciclista e a Guille Barreiro e Breixo Buján, que o acompañaron de camiño á sede de Vestas en Dinamarca

18 oct 2021 . Actualizado a las 20:16 h.

Ninguén quería deixar de aplaudir. Cunha ovación pechada, que durou varios minutos, recibiron onte os traballadores de Vestas aos tres compañeiros que chegaron a Dinamarca para pedirlle aos directivos da empresa que reconsideren o peche da factoría de Chavín. Agardaban tamén as familias, desexosas de abrazar a Alejandro Paleo -que completou o traxecto en bicicleta, máis de 2.800 quilómetros- e Breixo Buján e Guillermo Barreiro -que o acompañaron na autocaravana- despois de 16 días de aventura. Non faltaron as bágoas, nin tampouco as bromas, nun emotivo acto de recoñecemento.

Sobre as cinco dunha tarde calurosa, o balbordo tiña cor laranxa na Praza Maior de Viveiro. Alí se reuniron decenas de operarios, vestidos cos seus petos de traballo, e tamén as súas familias. O primeiro en chegar foi Paleo, sobre a súa bicicleta. Detrás viñan os seus compañeiros nun reto que definiu como «duro e brutal ao mesmo tempo».

O ex ciclista profesional abrazou primeiro aos seus pais, á súa muller e á súa filla Jimena, de catro anos e medio. «Estou moi apegado a ela e facíaseme xa moi duro pasar máis días lonxe dela», admitiu.

Logo, agradeceu abrumado a calor dos compañeiros. «Non nos merecemos isto», espuxo Paleo en voz baixa, antes de dirixirse ao persoal da fábrica de Chavín, sobre a que pesa un ERE extintivo que suporía 115 despedimentos. «Merecedes isto e máis!», respondeu un empregado.

«Mentres nós dabamos a cara por Europa adiante dando pedal vós estabades loitando tanto na fábrica como nas manifestacións. Estamos moi orgullosos do que fixestes. Somos un equipo, e se conseguimos chegar a Dinamarca e visibilizar o conflito é grazas a todos», afirmou Paleo. Por moito que insistiu en manter un perfil baixo durante todo o desafío, o orgullo era recíproco. «Sodes grandes!», respondeu espontaneamente un compañeiro. A pequena Julia non se resistiu a pedirlle un autógrafo a Alejandro. A continuación soaron de novo os cánticos habituais da loita dos traballadores por manter os empregos: «A Mariña sálvase loitando» e «Vestas solución».

«O recibimento foi fabuloso. Sabíamos que habería algo, pero para nada así. Ser valorado no teu pobo é moi bonito. Non poido estar máis que agradecido, pero isto é dos 115 obreiros», remarcou Paleo.

O traballador de Vestas admitiu a «presión» que conlevou o reto, con etapas en bicicleta de máis de 250 quilómetros en días consecutivos. «Houbo días de moita tensión. Pasamos por países nos que non conociamos o idioma, ás veces metinme por erro en autovía... Veño fatigado, física e mentalmente», manifestou. Con todo, a unión que mostran os traballadores é o mellor reconstituínte contra o desgaste. «Estamos unidos e a ver se os políticos nos botan un cable para cambiar isto», valorou.

Paleo agradeceu o esforzo dos seus escudeiros. «Eles axudáronme, aguantáronme... Sen eles sería imposible conseguilo», subliñou.

Un deles, Breixo Buján, que exerceu como condutor, afondou na dificultade do desafío. «Perdíasenos Paleo, tiñamos que dar voltas, ás veces por onde podía pasar el en bici non pasaba a caravana…», enumerou. Precisamente, opina, por esas dificultades afrontadas en conxunto, a experiencia fortaleceu os vínculos entre os traballadores. «Xuntámonos nunha autocaravana tres compañeiros de traballo casi semidescoñecidos e volvemos tres bos amigos», apuntou.

Pola súa banda, Guillermo Barreiro, que se encargou de gravar a aventura, salientou que «se cumpriu o obxectivo, que era facer ruído e que se vise a situación pola que estamos pasando».

Para Barreiro, «a satisfacción de chegar foi impresionante. Coas tarefas do día a día non eramos conscientes do que estabamos facendo ata que chegamos á sede de Vestas en Dinamarca. Ese momento foi brutal», indicou.

A volta á casa fíxose longa. «Quixemos apertar un pouco para ver canto antes ás nosas familias», admitiu Barreiro. No intre no que se explicaba ante os medios de comunicación, apareceu para abrazalo súa nai, Toñi. «Estou moi orgullosa del e de todos», concretou. «Fixeron unha cousa moi boa. Pasaron calor, frío... É moito o que están loitando polo traballo, por sobrevivir. Déixanos sen traballo e non pode ser», concluíu.

Benvida no consistorio

Os traballadores foron recibidos pola corporación de Viveiro no consistorio, onde recibiron unha cesta con produtos típicos da zona. A alcaldesa, María Loureiro, destacou aos tres como exemplo de «sacrificio e loita» polos empregos.