Juan Francisco Valledor Puente, médico xubilado de Viveiro, atendeu á vez hai agora a 40 usuarios con covid da residencia de Xove
27 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Tres anos e medio despois de xubilarse e despedirse do centro de saúde de Viveiro, no que traballou durante corenta anos, o médico Juan Francisco Valledor Puente (A Fonsagrada, 1951) afirma estar desexando botar unha man diante do complicado momento que enfronta a sanidade pública na Mariña, e especialmente os servizos de Atención Primaria de poboacións como Viveiro, por mor da sexta ola do coronavirus. «Síntome desaproveitado como médico agora que a Primaria está saturada», razoa un facultativo que se ofreceu a colaborar desde o minuto cero da pandemia. «Cando foi da primeira ola do covid estaba recén xubilado e mandei un escrito á Xerencia da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte ofrecéndome a colaborar se facía falta, pero nin o contestaron», comenta Valledor, que acaba de cumprir 70 anos.
O médico que chegou a ter o cupo de pacientes máis grande a provincia de Lugo, con 3.000, acumula unha importante experiencia na loita contra o covid, posto que colabora de maneira altruísta desde hai varios anos coa residencia de anciáns San Bartolomeu, situada en Xove. Nesa liña sinala que hai pouco máis dun ano, entre decembro do 2020 e xaneiro do 2021, chegou a atender á vez a corenta usuarios do xeriátrico que deron positivo nas PCR. «Cando saltou o brote e os centros da fundación San Rosendo ou da Xunta de Galicia ós que derivaban os anciáns que daban positivo nas probas saturáronse, así que se optou por atendelos [ós usuarios que se contaxiaban] na mesma residencia. Foi aí cando dixen: ‘Se teño que achantar con isto, mandádeme medios e respiradores’. E ese mesmo día pola tarde xa os tiña», recoñece o médico, que valora especialmente a colaboración e o apoio prestado pola xerente do Hospital Público da Mariña, de Burela, María José Cortés Garay. «Mandou medicamentos, mandou de todo...», indica.
O primeiro que fixeron foi abordar de maneira individual cada un dos corenta positivos e revisar as medicacións. Nesa liña, Valledor subliña o inxente traballo que desenvolveron tanto as dúas directoras da residencia como as enfermeiras e auxiliares. «Traballaron día e noite, Noiteboa, Fin de Ano..., sen ver á familia...», recoñece.
Axustar medicacións
Sinala Valledor que naquelas xornadas tan complicadas foi necesario readaptar a residencia de Xove. «Houbo un despregue importante porque houbo que poñer módulos, un dispositivo para un lado, outro para outro... Homes para un sitio, mulleres para outro...», comenta, antes de indicar que unha das tarefas máis importantes era axustar as medicacións de pacientes moi anciáns que xa de por si toman moita medicación como consecuencia de distintas patoloxías crónicas. «Había que ter un control estrito porque a unha persoa que toma Sintrom non é o mesmo poñerlle a eparina, que era unha das medidas terapéuticas que tiñamos», sinala. Os antibióticos eran efectivos, pero había que valorar, entre outros, que as funcións do ril, por exemplo, continuasen en valores normais.