Antón Reixa, autor do documental sobre a artista viveirense: «Son un namorado de Maruja Mallo»

La Voz

A MARIÑA

CEDIDA

Este xoves, ás 20.30 horas no Teatro Pastor Díaz, vaise proxectar «Maruja Mallo. Mitad ángel, mitad marisco» dentro dun ciclo dedicado a ela

21 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai máis dunha década, un documental sobre Maruja Mallo de Antón Reixa, escritor, líder de Os Resentidos, ademáis de creador audiovisual, que traballou na filmoteca de Galicia (CGAI), colabora actualmente en Luzes.gal e en decembro do ano pasado recibía a medalla de ouro ao Mérito en las Bellas Artes a nivel nacional, vía a luz e agora, con motivo da celebración do ciclo viveirense, sirve de novo para evocar a grande artista que ela foi, cunha vida e obra que trascenden, como se ve, o paso do tempo. Este xoves proxéctase en Viveiro (Teatro Pastor Díaz, 20.30 horas) Maruja Mallo. Mitad ángel, mitad marisco.

—O documental que se proxecta hoxe xa ten un logo percorrido.

—É de 2010-2011. A materia prima deste documental está impregnado de Maruja Mallo na que sempre, todo na súa vida, foi terriblemente actual e moderno e puido, e espero, que puidera contaxiarllo a este documental, dárlle luz. Para min é unha oportunidade apaixonante e única poder presentar o documental pero para calquer autor audiovisual é un luxo poder contar en directo coa opinión das espectadoras e espectadores. Espero que con toda a riqueza da personaxe de Maruja Mallo dea lugar a un coloquio suficientemente rico.

—Vén ao berce de Maruja Mallo.

—Impón respeto o feito de que, aínda que foi circunstancial, sexa o lugar de nacemento de Maruja Mallo, filla de funcionario. Aqueles que xa coñecen a súa figura encontrarán datos que xa coñecen, pero o meu punto de partida cando fixen o documental era poñerme na visión dun espectador ou espectadora para o que era a primeira vez. Unha Maruja Mallo explicada dende cero, cun carácter eminentemente divulgativo. Foi con esa humildade. Incluso cunha propia investigación que me foi levando a descubrir cousas. O luxo deste documental foi estar feito con guion de Antón Patiño, pintor e gran teórico das artes plásticas, que me soubo transmitir ese camiño para afondar na figura de Maruja Mallo.

—Hai pouco, os nenos de colexios de Viveiro afondaron na súa figura. É bo que as novas xeracións tamén a descubran.

—É verdadeiramente didáctico coñecer a escola de vida, a traxectoria dunha muller rebelde, decidida. Xunto con mulleres como Teresa León, naquel Madrid de finais da década dos 20 e nos anos 30, ‘escandalizaban’ á xente pasando pola Porta do Sol sen sombreiro, que daquela era un escándalo en xeral. Esa ‘provocación’ sobrevenida non buscada pola propia Maruja, senón derivada do seu carácter innovador e da práctica vangardista insistente, que foron percibidas como ‘provocación’ pero que é algo que sempre vai vinculado á práctica das vangardas. Maruja Mallo expón antes da Guerra Civil en París e nin máis nin menos que André Bretón compra unha obra. Sempre foi unha muller moderna, en cada momento da súa vida. Incluso cando ao final dos seus anos volve a Madrid, o seu lugar de referencia, era tremendamente celebrada polos modernos daquel momento. Nos anos 80 ten unha visibilidade especial.

—Ademáis, hai incluso certa clave feminista por como viviu.

—Hai que dicir que hai unha valentía na forma de estar no mundo. O feito de ser muller escureceu un pouco a súa obra, porque vivía nun mundo de homes. Ortega e Gasset chegou a realizarlle unha exposición na revista Occidente, pero esa condición de muller desinhibida fixo, se cadra, que o seu valor artístico quedara un pouco escurecido. Logo, tamén tivo unha relación moi tormentosa con Rafael Alberti.

—Se a tivera aquí, que lle diría?

—Manifestaríalle o meu amor por ela. Son un tipo namorado dela. Nós utilizamos imaxes dun programa histórico de TVE que era A fondo. Eran entrevistas que facía Soler Serrano, e aí aparece ela, pintada dunha forma que pode parecer provocadora, colorista, como se pintaba ela a si mesma, pero con todo o encanto da súa mensaxe emancipadora.