«Non hai palabras que fagan xustiza ás xestas deste Burela»

La Voz BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

Miguel Villar

O edil Ramiro Fernández subliña o agradecemento do Concello «por unha labor de promoción para o pobo inimaxinable»

10 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

As guerreiras laranxas volven facer resoar o nome de Burela moito máis alá das súas fronteiras. O seu quinto título na Copa da Raíña dá «unha repercusión enorme» ao Pescados Rubén, e tamén á vila. Así o asegura o edil de Deportes, Ramiro Fernández, quen acompañou ao equipo mariñán na súa última xesta en Ourense: «Non hai palabras que fagan xustiza ás xestas deste Burela. Dende o Concello nunca atoparemos a forma de agradecer suficiente a estas xogadoras unha labor de promoción para o pobo inimaxinable». O concello faralles pronto unha nova homenaxe.

Fernández Rey destaca o bo facer do conxunto laranxa nun desafío entre «dous dos mellores equipos do mundo» ante o Futsi Atlético, «cheo de tensión e competitividade» e só resolto nos penaltis tras o empate a tres ao remate da prórroga. «Mais cando se trata de competir, ninguén soporta a presión como este estas xogadoras. É a cuarta Copa consecutiva e a quinta da súa historia. Iso dio todo», subliña.

«Estannos afacendo mal, a gañar sempre. Pero ao final todo é produto do traballo das futbolistas e dunha directiva que fai un gran esforzo para traer aquí ás mellores do mundo», destaca Ramiro Fernández, que gozou como un burelense máis co seu equipo no Paco Paz: «É unha responsabilidade representar ao Concello en calquera gran acontecemento deportivo como este. Tamén quero agradecer a presenza dos moitos veciños que estiveron aló arroupando ao equipo e facendo que o pavillón, por momentos, parecese o Vista Alegre».

A nova xesta do conxunto feminino palia en parte o desgusto que supuxo o descenso a Segunda División do cadro masculino: «Foi unha moi mala campaña. Agardo que sexa un paso atrás para dar dous para adiante e volver a desfrutar da mellor liga do mundo. Ter dous equipos así é algo tremendo para unha vila de só 10.000 habitantes». 

Máis recoñecementos

Os recoñecementos para o equipo chegaron tamén desde outros ámbitos da política. O deputado provincial Efrén Castro describiunas como «unha referencia no deporte feminino» e un «orgullo para a provincia», mentres que a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez destacou «o voso gran espírito de loita e afán de superación» e salientou que «inspiran ás mozas e mulleres».