Un merecido premio para Martín Fernández, o Alecrín de Ouro

A MARIÑA

PEPA LOSADA

11 ago 2022 . Actualizado a las 18:30 h.

O xornalista e colaborador da Voz, ademais de amigo, Martín Fernández Vizoso, mariñán de Foz, vén de recibir un dos premios Alecrín de Ouro -que concede a Federación de Entidades Culturais Galegas en Cataluña- pola súa serie sobre a emigración que publica cada domingo nas páxinas deste xornal, tanto na edición impresa como na dixital.

Para nós é unha satisfacción que esta serie de Martín Fernández sobre a emigración da Mariña, tamén da provincia, sexa recoñecida. En primeiro lugar polo seu traballo e dedicación; despois, porque mantén viva a memoria de tanta xente que emigrou e que quedou na súa maior parte no esquecemento. E iso que hai persoas que teñen unha vida de película; outras, as máis, chea de dificultades e houbo tamén quen trunfou e fixo grandes negocios.

Martín Fernández lémbranolo cada domingo coas súas reportaxes, detrás das que hai moito tempo de estudo, busca de documentos e investigación. Para ter unha identidade propia é necesario manter viva a memoria e non é tarefa fácil hoxe en día con tanta présa, tanta tecnoloxía e sobreinformación. Demasiada velocidade para, ás veces, non sabermos ben a onde ir.

As investigacións de Martín Fernández son moitas veces, a maior parte dos domingos, unha descuberta con ese punto de fascinación pola vida dos protagonistas e as súas fazañas e conquistas ou -na mesma proporción- fracasos. Ofrécenos historias das que sabiamos, pero non tanto, e outras veces que descoñeciamos por completo. Un mundo, o da emigración, que a todos nos toca en Galicia dun xeito ou doutro.

Parabéns sinceros a Martín.