Míriam Bermúdez: «Podo dicir que a política municipal fíxome medrar como persoa»

S.C. VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

cedida

«Temos moito traballo feito que se pode contrastar», afirma a candidata do BNG á alcaldía de Viveiro, Míriam Bermúdez

26 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Míriam Bermúdez acaba de ser nomeada candidata do BNG á alcaldía de Viveiro nas eleccións municipais de maio. É mestra e na actualidade directora do CEIP de Celeiro. Estreouse na política local hai catro anos, con gañas e ilusión, que di non perdeu; ao contrario. Tamén explica na conversa que «a política municipal nestes anos, dende o 2019, fíxoa medrar como persoa».

—Como foi esta experiencia de catro anos como concelleira na súa estrea?

— Enriquecedora. A vida municipal é unha das grandes descoñecidas e para reverter isto é necesario que as políticas municipais se desenvolvan con transparencia. Ser honestas coa veciñanza, poñer á súa disposición toda a información, a verdadeira, e non enganar con políticas de escaparate. Recomendaría a todas as persoas que se interesasen pola xestión municipal e así ter as ferramentas necesarias para exercer como cidadáns críticos.

Isto é quizais, a parte máis decepcionante. Comprobar de primeira man que a manipulación está á orde do día e que as persoas coa responsabilidade de gobernar Viveiro carecen de iniciativa, de vontade innovadora. Estes catro anos permitíronme descubrir que o Concello funciona só no día a día co traballo do persoal, mais os grandes cambios ten que impulsalos quen goberna, chegando a acordos con temple e vehemencia, con formación, adicando tempo e esforzo, características que faltan neste PSOE tan soberbio e preguiceiro. Estou orgullosa do traballo feito e agradecida a todas as persoas coas que me fun atopando e das que aprendín moitísimo, dende a xestión puramente burocrática, o ordenamento legal, o traballo asociativo ou a xestión perante outras institucións. Podo dicir que a política municipal me fixo medrar como persoa.

—Foi tal como agardaba ou sorprendeuna?

— Sorprendeume, para mal. Explícome. Dende o BNG desenvolvimos durante estes 4 anos unha oposición responsable, sempre dende un punto de vista construtivo, aportando e sumando. Presentamos moitísimas iniciativas que requeriron tempo, estudo e esforzo para propoñelas, algunha delas prácticamente sen custo, pero cun impacto inmediato que beneficiaría á veciñanza, mais non foron implementadas; non houbo a intelixencia suficiente para valorar o seu potencial. E isto sorprende e para mal: que se poña por diante o rédito político do equipo de goberno por riba do beneficio da veciñanza. Foron catro anos esixentes, nos que conciliar a miña profesión como mestra coa vída política, foi un reto que asumín dende o 2019 con responsabilidade e foi gratificante. Temos moito traballo feito, que se pode contrastar, e que nos permite ter claras as necesidades de Viveiro e cómo atallalas.

—Que foi o mellor e que o peor nestes catro anos, segundo a súa experiencia?

— O peor foi ter que soportar a un equipo de goberno falto de educación e empatía. A falta de respeto institucional á concelleira do BNG estivo sempre presente por parte do grupo do PSOE. Quero pensar que a falta de contraargumentos, dun xeito obxectivo, con datos no papel, non é moito deste PSOE, iso require esforzo e estudo e sempre optaron por atacar pola vía persoal, o que denota unha falta de altura de miras e de nível político importantes. Ao tempo, como veciña, dóeme especialmente ver que quen goberna non o fai para conseguir mellorar o concello, senón polo seu proveito. Con todo, quédome coa proximidade e as conversas cos veciños e veciñas. Resúltame moi gratificante sentirme a carón das persoas, e poder escoitalas. Cando me presentei no 2019 coñecíaseme pouco, quizais porque estiven uns anos estudando e traballando fóra de aquí como tanta mocidade que ten que pasar polo mesmo. Mais segundo foi avanzando o mandato, non faltaron persoas que se achegaran máis a min, que se achegaran ao BNG. O respaldo da veciñanza, a súa aposta por un concello BNG é o que me fai sentir ilusionada, de verdade, con forzas, e con máis gañas aínda de traballar por construír e transformar o noso concello. Con esa idea e gañas traballamos.