A exposición sobre Juana de Vega chega a Mondoñedo, terra do seu pai, clave na súa vida

La Voz MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

É un relato sobre a historia dunha muller ilustre, que desenvolveu unha intensa actividade benéfica e social

05 sep 2023 . Actualizado a las 19:08 h.

O pasado fin de semana inaugurouse no auditorio municipal Pascual Veiga de Mondoñedo a exposición conmemorativa «Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872). Facer no século», onde permanecerá todo o mes de setembro, podendo visitarse de luns a sábado. O evento contou coa asistencia do alcalde, Manuel Otero Legide; de Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega; e do escritor e historiador focense Xosé Ramón Veiga, autor da última biografía sobre Juana de Vega, que leva o mesmo título ca exposición. Este último foi o encargado de presentar o vínculo da mecenas e filántropa con Mondoñedo a través de seu pai, o mindoniense Juan Antonio de la Vega González. Veiga manifestou que a figura de Juana de Vega non se entendería sen a referencia de seu pai.

A exposición está promovida pola Fundación Juana de Vega con motivo do 150 aniversario do pasamento da mecenas e filántropa. A mostra itinerante, que está percorrendo Galicia, chega a Mondoñedo tras pasar por Monforte de Lemos, terra natal da nai.

O mindoniense Juan Antonio de la Vega González, fillo de solteira de María Bárbara González e orfo de nai con 8 anos, emigrou a Cuba con 14, onde amasou unha mediana fortuna. Tras casar coa monfortina María Josefa Martínez Losada, asentouse na cidade da Coruña con 27 anos e abriu unha casa de comercio para venda de produtos de ultramar e do Mediterráneo, entre outras empresas, que lle permitiron formar parte da burguesía de negocios herculina. Está considerado un dos primeiros liberais galegos e impulsou a educación e a formación ilustrada da súa filla, pouco común para as mulleres da súa época.

A exposición é un relato sobre a historia dunha muller ilustre, que desenvolveu unha intensa actividade benéfica e social. Progresista e liberal, foi unha avanzada para a súa época, e deixou unha gran pegada non só na cidade da Coruña senón tamén en toda Galicia e no resto do estado español. Foi probablemente a muller con maior relevancia política en España no século XIX. A súa intensa vida resúmese nos vinte paneis que forman a exposición que xa se pode ver en Mondoñedo, durante todo o mes.