Lino Rico, pianista: «Comecei tocando o acordeón con 9 anos na orquestra de meu pai en Lourenzá e xa non parei»
A MARIÑA
Este profesor xubilado de piano e acordeón no Conservatorio de Viveiro tocou en moitas orquestras e actuou con artistas como Mari Trini ou Tito y Tita
22 ene 2024 . Actualizado a las 13:18 h.Os primeiros recordos de Lino Rico Fernández (Lourenzá, 1956) están relacionados coa música. «Nacín nun berce de músicos. Meu avó, José Rico, era acordeonista profesional en Lourenzá. Facía festas, bailes..., o que fose. Miña bisavoa materna, que era de madrileña, era mestra de escola e concertista de arpa. Unha irmá de miña avoa tiña co marido unha compañía de teatro, Diavolinos, que actuou en Brasil, Arxentina nos anos trinta do século pasado... E meu pai, José Ramón Rico, tocaba o saxo e tivo orquestras como Los Villas ou a Ibérica. Eu comecei tocando o acordeón con el cando tiña 9 anos e xa non parei. Recordo estar no colexio, pero na miña cabeza a música estaba sempre presente. Sempre me dediquei a tocar, a experimentar, a compoñer algo, a improvisar...», explica un músico profesional e vocacional que, un ano despois de xubilarse como profesor de piano e acordeón do Conservatorio de Música Profesional de Viveiro, non para de enfrontar retos. «A música non ten fin. É algo que non termina nunca. Hai que estudar, hai que formarse, hai que dedicarlle un horario... Todos os días estou desexando mellorar musicalmente. A música é unha vitamina moi importante», confesa.
Lino Rico chegou ó conservatorio viveirense no curso 1996-1997, despois de iniciarse como docente no Conservatorio de Música de Lugo, e de ter traballado seis anos como pianista solista no piano bar do Gran Hotel de Lugo ou nun ferri que cubría a travesía entre Santander e Londres. «Fun músico profesional acompañando a artistas como Mari Trini, nunha xira que fixo por Galicia, Asturias e León», relata un músico que tamén traballou con Tito y Tita, irmáns de León que se converteron nun dos fenómenos musicais dos anos oitenta cantando cancións mexicanas. Ademais tocou «nun montón» de orquestras de Galicia, actuando por toda a Península. En todas as épocas aprendeu.
Unha conversa de sons
«Gústame moito a improvisación porque entendo que a música é como unha conversación. Como cando estás falando con dúas, tres, catro persoas... A música é iso só que con sons, con métrica...», abunda un especialista que participou no desaparecido Festival de Música do Landro como músico e como xurado do cásting no que se seleccionaban os participantes. «A música vivina e sígoa vivindo moito. Sempre digo que a música é o vapor do arte porque cando a tocas desaparece, como o fume», conclúe Lino Rico.
«A música hai que sentila con profundidade para poder expresala con beleza e comunicala»«Pode que exista un don para a música, pero hai que estudar, estudar e seguir estudando porque é unha marabilla que non ten fin», Lino Rico Fernández, pianista, acordeonista e profesor
Toca en Brétema Band con músicos das Variedades, de Viveiro, ou Maseda, do Valadouro
Desde a súa chegada a Viveiro, no último terzo dos anos noventa, Lino Rico ten creado ou participado en diferentes grupos. Actualmente, dentro da Aula de Adultos do Conservatorio, é un dos impulsores de Brétema Band, que en breve comezará unha xira por diferentes parroquias de Viveiro. «Brétema empezou sendo un grupiño de 5 músicos que levabamos un montón de anos facendo actuacións por Viveiro, pero agora somos 12, xa somos como unha orquestra. Hai músicos de grandes orquestras que houbo en Viveiro, como as Variedades, onde tamén estiven eu, ou a Maseda, do Valadouro. Gústanos gozar do pracer da música», sostén Rico. «Hai moita ilusión, estamos ensaiando a tope e montando temas de pop rock, e música latina como cumbia e algún bolero. Tirando á festa, pero con música dos Billos Caracas Boys, non ó regatón. Queremos facer unha homenaxe ás grandes orquestras que houbo en Viveiro, como os Píndaros, os Pícolos...», di.
«Nos clásicos está todo»
Rico tamén está en Diavolinos, un proxecto en formato máis acústico cunha voz feminina, unha percusión, un baixo, unha guitarra e un piano. «Temos un repertorio moi variado no que intentamos dar un paseo por case todos os estilos da música. Viaxamos a un montón de países», sinala, e recomenda «escoitar ós clásicos», como Chopin, Beethoven, Strauss... «Aí está todo. E logo xa hai outros moitos estilos en función dos gustos da xente. Hai tanta música e tan ben feita...!», reflexiona.