Frigomar, máis de 40 anos vendendo o mellor peixe e marisco galego desde Burela
A MARIÑA

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou este martes a empresa e reclama as axudas do PERTE para este tipo de firmas da cadea mar-industria
30 ene 2024 . Actualizado a las 19:59 h.O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reclamou celeridade ao ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas, na posta en marcha do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) para a cadea mar-industria comprometido e polo que leva agardando o sector preto de dous anos despois da súa exclusión do Perte Agroalimentario. O titular de Mar realizou estas declaracións, acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, durante a visita ás instalacións da empresa conserveira e de conxelado Frigomar Burela S.A. na que tivo a oportunidade de coñecer de primeira man e da man dos seus os procesos de elaboración, transformación e conxelado de produtos pesqueiros que realiza esta empresa da man das últimas tecnoloxías.
O titular de Mar destacou os máis de corenta anos de traxectoria de Frigomar ofrecendo o mellor peixe e marisco galego aos seus clientes cunha aposta decidida pola innovación tecnolóxica, profesionais con experiencia e unha loxística eficiente que lles permite levar os seus produtos ao consumidor en 24 horas a través da súa peixería en liña. Un alimento, resaltou o conselleiro, cuxo consumo aporta múltiples beneficios para saúde e as súas propiedades nutritivas xa que é rico en proteínas, vitaminas, minerais e ácidos graxos Omega-3 polo que o seu consumo permite reducir enfermidades cardiovasculares e reducir a inflamación corporal entre outros.
Alfonso Villares tamén visitou no concello de Burela a peixería Pastoriza onde resaltou o papel esencial que xogan as peixerías de proximidade e os seus profesionais na promoción da calidade e sabor dos produtos do mar de Galicia. Subliñou que son fundamentais, polo seu contacto directo e relación de confianza co cliente final, á hora de explicar e promover as propiedades culinarias e en dar a coñecer a gran variedade de especies de peixe e mariscos galegos así como os beneficios para a saúde que hai detrás do seu consumo.