Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Claudio Rodríguez Fer, Cunqueiriano de Honra este 2024

La Voz

A MARIÑA

Paco Rodríguez

O Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro promoven este galardón, que antes foi para Darío Villanueva, Freixanes, Rexina Vega, C. A. Molina ou Manuel Lourenzo

10 feb 2024 . Actualizado a las 17:08 h.

O poeta, narrador, dramaturgo, ensaísta e investigador, Claudio Rodríguez Fer foi nomeado Cunqueiriano de Honra neste 2024; Recibirá a distinción en decembro no aniversario de Cunqueiro. Converterase, así, no oitavo homenaxeado dende que se instituíu este galardón.

O Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro promoven a distinción de Cunqueiriano de Honra co fin de recoñecer o labor daqueles persoeiros que se teñen significado na visibilización e proxección da figura do escritor mindoniense. Neste 2024 unha comisión designada ao efecto polo Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro, organizadores do evento, decidiu premiar a longa e vizosa traxectoria dun gran coñecedor da figura de Cunqueiro como é o escritor e profesor Claudio Rodríguez Fer.

A comisión que o elixiu, por maioría, estivo formada por César Cunqueiro (fillo do escritor), Manuel Lourenzo (Cunqueiriano de Honra do ano anterior), Alberto García Fernández (Concelleiro de Cultura, Educación e Novas Tecnoloxías), Antonio Reigosa (Cronista Oficial de Mondoñedo), Abel Vigo García (Técnico de Cultura municipal), Miguel González Somovilla (xornalista e estudoso da obra de Cunqueiro) e Armando Requeixo (Coordinador da CMAC).

Coa designación de Claudio Rodríguez Fer como Cunqueiriano de Honra de 2024 (que inclúe figura conmemorativa e diploma acreditativo) o Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro consolidan a traxectoria destes nomeamentos, que en anos anteriores recoñeceron o labor de persoeiros como Darío Villanueva, Víctor F. Freixanes , Rexina Vega, César Antonio Molina ou Manuel Lourenzo, entre outros.