Agotadas as prazas para unha andaina o sábado en Viveiro para recoller herbas de San Xoán

La Voz

A MARIÑA

CEDIDA

Está convocada polo colectivo Pensamento e Sementeira

20 jun 2024 . Actualizado a las 10:06 h.

O Colectivo Pensamento e Sementeira de Viveiro promove unha actividade, coincidindo co inicio do solsticio de verán, vinculada á festividade do San Xoán. Será unha andaina duns 6 kilómetros este sábado e unha duración aproximadamente de dúas horas con saída e chegada á Praza Maior. A dificultade da ruta é considerada media/baixa. As prazas están esgotadas, era precisa a inscrición previa.

«Farase da man do impulsor da iniciativa Prato_Do, Lucas Requejo, que fará de guía durante o roteiro e dará conta da econoloxía do noso concello. Tamén descubriremos parte do patrimonio natural da vila ao son do Río Landro. O roteiro sairá da Praza Maior o día 22 de xuño ás 10:30. Dende alí, iremos ao son da Ría de Viveiro polos Xardíns de Noriega Varela ata a ponte da Variante, onde enlazaremos co camiño das Aceas ata o hórreo de Xunqueira. Subiremos ao son do Mosteiro de Valdeflores ata chegar á Ruta dos Muiños. Deixando atrás os saltos de auga, continuaremos polo Camiño do Real ata chegar á Porta do Valado que nos conduce de novo á Praza Maior», indican.

«Co fin de dinamizar a vida cultural de Viveiro, o colectivo quere recuperar tradicións, ritos e crenzas da cultura galega para darlles visibilidade e que non se perdan co paso do tempo. Queremos facer partícipe á xente de Viveiro dunha das tradicións máis coñecidas de Galicia como é a recollida das herbas de San Xoán», engaden.

«Queremos recordar a toda a cidadanía que estamos abertas para sumar novas socias e chamamos ás diferentes asociacións, colectivos e institucións a colaborar para facer de Viveiro unha vila con vida cultural, tradicións, historia e memoria. Podedes poñervos en contacto con nós a través das RRSS ou no correo colectivosementeira@gmail.com», conclúen.