O dramaturgo, actor e director teatral Manuel Lourenzo, mariñán natural do Valadouro, vén de ser recoñecido co Premio da Cultura Galega por parte da Xunta. Anteriormente Manolo Lourenzo acadou, entre outras moitas distincións, o Premio Nacional de Teatro do Ministerio de Cultura. Creo que para el, coñecéndoo como creo coñecelo, o maior recoñecemento é ser querido, apreciado, pola súa xente. Por todos nós.
Manolo adoita ir traballar todas as mañás a unha cafetería da Coruña cando está na cidade, onde lle teñen reservada xa unha mesa, sempre a mesma, a carón dunha ventá. Iso proba ben a consideración que lle teñen, que lle temos. Alí van, imos, visitalo. Alí recibe, tenta traballar e atúranos a todas/os. Alí convérsase, sobre todo, de teatro. A mesa de Manolo ninguén pode tocala. Nin ousamos.
É un recoñecemento xusto este, ben merecido, a un home do teatro, que vive para o teatro, que fixo e fai do teatro a nosa conciencia social. Un revolucionario, ao seu xeito, sin móbil nin coche. En pé sempre pola dignidade. Un gran pensador que imparte ensino desde os escenarios e no seu pequeno estudo de teatro, Casahamlet, a cativos e maiores.
Parabéns.