«Ola a todos os galegos e galegas. Deséxovos un bo aninovo. Son Lala, fodechinchos pero riquiña».
Foi o saúdo de Lalachús a toda Galicia minutos antes das badaladas de fin de ano en TVE, que presentou canda David Broncano. Ambos os dous dedicaron un saúdo en cada un dos idiomas oficiais do Estado.
Parecéronme naturais, pillos (zapeando aos presentadores de A3 por mostraren o vestido da Pedroche) e orixinais pero hai diferenza de opinións, o que está ben, pero iso tampouco importa agora. O saúdo de Lalachús, curto, directo, é orixinal e leva mensaxe, intelixente, con crítica e de vez con simpatía ou empatía.
Fodechinchos foi un termo moi empregado no verán aquí, na Mariña e en Galicia, para nos referir aos visitantes de Madrid, pero non a todos, só aos máis pesados.
É un termo que ben puido nacer en San Cibrao veráns atrás cando apareceron carteis aludindo aos "fodechinchos", aqueles que se queixaban do cheiro do argazo que viña da praia, do noso idioma, etc.
Moitos, e eu entre eles, era a primeira vez que oía ese termo. Despois, en sucesivos veráns, foi xa de uso máis común. Xerou verdadeiro malestar entre moitos visitantes, lóxico. Por iso a elegancia e simpatía con que o dixo Lalachús pareceume case que unha xenialidade.
"Son Lala, fodechinchos pero riquiña". Esa maneira de contrapoñer riquiña, palabra máis nosa, simpática, a fodechinchos. Non me digan.