Patricia García, residente en Foz, xa é desde este martes a nova directora xeral de Pesca

La Voz

A MARIÑA

C. M.

Tomou posesión este martes pola mañá; substitúe a outro mariñán, Antonio Basante, que vai para Bruxelas

07 ene 2025 . Actualizado a las 19:59 h.

Onte tomou posesión como nova directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar, Patricia García Sánchez, residente ata agora en Foz, en substitución do anterior responsable do departamento autonómico desde o 2022, Antonio Basanta, outro mariñán que pasou este mes de xaneiro a formar parte do equipo do comisario europeo de Pesca e Océanos, Costas Kadis.

O acto de toma de posesión da nova directora xeral de Pesca estivo presidido polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, tamén mariñán, exalcalde de Cervo, que deu a benvida a Patricia García Sánchez e puxo en valor o traballo e compromiso de servicio público do Goberno galego en favor da xente do mar e de Galicia.

Alfonso Villares tamén tivo palabras de agradecemento para o anterior director xeral polo seu traballo ao longo de todos estes anos e que agora continuará contribuíndo a fornecer a pesca galega desde Europa. Patricia García pola súa banda, puxo en valor a súa experiencia e capacidade de traballo e manifestou a súa vontade de devolver con dedicación e feitos a confianza depositada.

Patricia García é licenciada en Dereito pola Universidade de Oviedo. Desde o 2013 é funcionaria da Xunta de Galicia, pertencendo ao subgrupo A2 dende o ano 2022. Desde o 11 de xaneiro do 2023 ocupaba a xefatura do Servizo de Dependencia e Autonomía Persoal no departamento territorial de Lugo da Consellería de Política Social e Igualdade.

Anteriormente ocupou o posto de xefa da sección da Administración Xeral e Persoal na Xefatura Territorial da Consellería do Mar en Celeiro. Tamén foi directora da residencia de maiores de Burela algún tempo.