En memoria de Dino Pacio
13 ene 2025 . Actualizado a las 09:43 h.Xa o recolleu o veciño e amigo xornalista Xosé María Palacios Muruais hai uns días neste mesmo xornal nun obituario titulado: Adiós a Dino Pacio, que fue profesor en el Seminario de Mondoñedo y en universidades de Estados Unidos: «Descubriunos un novo mundo». O profesor Dino Pacio Lindín, natural de Xemil (A Pastoriza) finou en Nova Iorque aos 90 anos o pasado xoves, 9 de xaneiro. A min a nova chegárame desde Houston por letra da súa veciña e amiga común, Sonia Villapol Salgado.
De Dino que foi moi digno durante toda a súa vida, pero que se resistiu a ser Digno por imposición haberá moito que falar porque moito queda por dicir e lembrar (ninguén morre de todo mentres é recordado). Incluso explicar porque escribo eu agora isto. Pero neste artigo, permítanme limitarme a trazar unhas pinceladas ou contar un par de acontecidos da súa vida das etapas que residiu en Mondoñedo.
Dous son os períodos de estadía mindoniense de Pacios Lindín. O primeiro nos últimos anos da infancia e estrea da mocidade, como alumno do Seminario Santa Catarina (1944-1949, aproximadamente) e o segundo, na primeira metade da década dos sesenta do pasado século, exercendo de profesor de Francés, Filosofía, Ética e Socioloxía na mesma institución académica eclesiástica. Na segunda volta xa fora ordenado cura e compatibilizaba a docencia cos oficios sacerdotais encargándose da parroquia de Galgao (Abadín). Precisamente alí foi onde pronunciou o discurso que dá título a este artigo. Algo me fai pensar tamén que aquel mesmo día, o da festa de San Cosme da Montaña, comezou a rondar pola súa cabeza a necesidade de exiliarse.
O día que máis xente en todo o ano se xunta nos arredores da igrexa de San Cosme de Galgao, pronunciou un discurso que deixou coa boca aberta a tódalas persoas que o escoitaron ao vivo e moito máis a quen recibiu ao pouco a mensaxe difundida polo cura. Nese escenario e nesas circunstancias pronunciou o seu lúcido e consecuente, incluso con consecuencias, discurso no que explicou a locais e romeiros visitantes que non era necesario que ofrendaran ao santo cos bens materiais que adoitaban levarlle deixando gravada a mensaxe, «Os santos non comen». O argumento de don Dino dicía algo así como que aqueles xamóns, soas ou peixes que levaban para o santo, que os empregaran para alimentar aos seus fillos e darlles a mellor educación e formación posible. Esa mensaxe sentou moi mal entre algúns dos seus colegas cregos que vían nas palabras do de Xemil unha ameaza para o seu lucrativo negocio. E, teño entendido que por tal motivo, o bo de Dino foi intimidado naquela mesma xornada facéndolle comezar a pensar en que non podería seguir vivindo, moi ao ser pesar, nun estado de represión como o que se daba naqueles tempos nestas terras.
Aínda así, o que anos despois sería autor de Terra húmeda, continuou coa súa labor pedagóxica e social fomentando bolsas de estudos para que a xente moza da contorna puidesen formarse en centros escolares de Lugo ou doutros lares, incluso acudir á universidade. Foi, ao seu xeito, un precursor do Erasmus, favorecendo estadías da rapazada en países estranxeiros para aprender outros idiomas e abrirse a outras culturas no sentido máis amplo da expresión.
En definitiva, sabía o que este país precisaba e artellaba o posible, ou incluso o imposible, por facelo realidade tanto estando aquí coma acolá.