O Tribunal de Contratos de Galicia puxo ao señor Cajoto no seu sitio

M. G. A. Plataforma de Afectados Subida Abusiva Residencia y Centro de Día de Foz

A MARIÑA

PEPA LOSADA

14 ene 2025 . Actualizado a las 10:58 h.

Despois do correctivo que lle aplicou o Tribunal de Contratos de Galicia, o alcalde de Foz retrátase a sí mesmo como unha persoa de talante autoritario ao non querer tomar responsabilidades directas e ao impoñerlle ao BNG, sen negociación algunha, a xestión de parte da area de Servicios Sociais. Ao noso entender e a vista da recente perda de confianza dos seus socios de goberno, pensamos que se trata dunha treta de corte autocrática, disfrazada nun decreto de competencias sen efectos prácticos e resolutivos, que só obedece ao intento de salvar a súa posición política e o da concellala de Asuntos Sociais. No canto de facer autocrítica do seu irracional empeño por impoñer unha suba de tarifas desproporcionada, pretende facer responsables da súa actitude impositiva e de bloqueo aos que lle demostraron que as nosas demandas eran xustas. Hai que lembrar que foi o próprio alcalde quen en sesión plenaria lle demandaba ao BNG que lle presentara un aval xurídico para soster a súa posición. E así o fixeron cun informe externo dun catedrático en dereito administrativo experto na materia, costeado por eles mesmos sen pedirlle un peso ao Concello.

O Alcalde desprezou este informe, igual que desprezou os argumentos do PP e os nosos propios, e dicidiu continuar para diante, afondando irresponsablemente no deficit que esta situación lle está a provocar as arcas do Concello. Aquí queremos lembrarlle ao Sr. alcalde que foi el quen provocou o incremento de ese deficit en 15mil€ mensuais de media, ao non aceptar a nosa proposta de subir de vez o IPC acumulado: 280€ de media por residente ao mes, e ata o 2031 -data de remate da licitación- ir equilibrando o custe progresivamente de acordo co IPC anual. A día de hoxe o aforro para o Concello sería superior a 100 mil € (7 meses). Agora que a xustiza administrativa dictaminou ao noso favor, está moi clariño quen foi o responsable deste furado nas arcas municipais.

A falta de empatía do Sr. Cajoto e a desconsideración da nosa demanda de negociar uns prezos razonables chega ao punto de quitarnos a condición de cidadans afectados con dereito a protestar pola suba abusiva de tarifas, para afirmar descarada e arbitrariamente que somos un grupo de presión con ideoloxía próxima ao BNG, incluso cuestionando publicamente a nosa lexitimidade. É unha obviedade que somos un colectivo de damnificados, pero polas súas acusacións vémonos obrigados a dicir que na plataforma que temos lexitimamente constituida nunca se nos ocurriu pedir filiacións, carnés de militancia nin por suposto impoñer unha ideoloxía política. Desta plataforma formamos parte libremente aqueles familiares de residentes e usuarios do centro de día que así o desexamos para defendernos exclusivamente do abuso de autoridade que estaba a exercer o Sr. alcalde co apoio do seu grupo político en todo este asunto. Neste sentido estamos orgullosos da lexítima loita que, como plataforma de afectados, levamos adiante para evitar a suba abusiva de 700€ de media por residente, inasumibles para as xubiladas/os de Foz

Agora con esta resolución do Tribunal de Contratos de Galicia que ten diante dos seus fociños, no canto de cesar á Concellala de Asuntos Sociais quen lle puxo a guinda á súa nefasta xestión ao afirmar gratuitamente e de mala fé que os residentes e usuarios do centro de dia “crearan un prexuizo e unha situación de desigualdade aos usuarios do Servicio a Domicilio”; e no canto de, el mesmo, rectificar iniciando a mesa de negociación que lle vimos demandando, non se lle ocurriu outra cousa que dividir a Concellalía de Asuntos Sociais -algo inaudito na xestión municipal-, e acusar da parálise que el mesmo provocou ao BNG quen, para evitar unha inxustiza, reaccionou a tempo -antes de que se asinara o contrato coa nova empresa- e fixo as cousas de acordo coa lei e co interese público e social como así acredita o Tribunal de Contratos de Galicia.

Pero élle tan complicado ao Sr. Cajoto recoñecer que se equivocou? Élle tan difícil exercer de demócrata e recoñecernos como o que somos: unha plataforma de afectados? Pensamos que el, polo que conleva o seu cargo de alcalde, é quen tiña e ten que atender a un colectivo de xubiladas/dos angustiados pola imposibilidade de pagar e consecuentemente ás familias que quedaremos axfisiadas economicamente porque non podemos facerlle fronte a esta suba brutal de 700€. Imposibilidade que tamén preocupa moito aos futuros usuarios que se atopan na lista de agarda.

Finalmente, o que demostra a resolución deste Tribunal son dúas cousas evidentes, por mais que o Sr. Cajoto e, en declaracións recentes, a Srª Inés López intenten ocultar cun relato ficticio feito á medida de intereses espúreos e partidarios, así como da súa incompetencia: que a razón estaba da nosa parte, e que si foi un proceso complexo é porque o complicaron eles mesmos pechando a vía do diálogo co resto de grupos políticos e coa Plataforma, coa clara intención de provocar unha privatización encoberta con sustanciosos beneficios empresariais á conta das reducidas pensións das/dos residentes e das estreitas economías familiares.

Foz, 14-01-2025

Plataforma de Afectados Subida Abusiva

Tarifas Residencia y Centro de Dia de Foz