
Para apoiar proxectos de mellora de eficiencia enerxética en toda Galicia
16 ene 2025 . Actualizado a las 17:49 h.A partir de mañá, venres, pemes e autónomos galegos xa poden solicitar as axudas do Bono Enerxía Peme, que convoca a Xunta a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para apoiar proxectos de mellora da eficiencia enerxética en negocios e empresas do sector servizos.
Trátase da quinta convocatoria deste programa de axudas que este ano conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros coa previsión de chegar a máis de 600 autónomos e pemes galegos e xerar aforros enerxéticos de ata 2.800 MWh/ano e económicos de 0,5 millóns de euros ao ano na factura eléctrica. Ademais, espérase contribuír á redución de emisións de 850 toneladas de CO2 ao ano, o equivalente a plantar 42.800 árbores, así como tamén á creación ou mantemento de 49 postos de traballo.
O Bono Enerxía Peme subvenciona os custos de asesoramento enerxético profesional, a mellora de envolventes mediante elementos de control solar, da iluminación, das instalacións eléctricas, o equipamento, a climatización e as instalacións inmóticas para xestionar a enerxía e o gasto de xeito máis eficiente. En definitiva, para impulsar a eficiencia das empresas vinculadas ao sector servizos.
O investimento mínimo para poder acceder a estas axudas é de 1.000 euros e a intensidade do apoio será do 80% ata un máximo de 6.000 euros