
Motor de Sargadelos, a súa obra mural loce nunha comarca na que dignificou as festas populares con arte en forma de carteis promocionais
11 feb 2025 . Actualizado a las 09:53 h.Muralista, ilustrador, escultor con categoría de Premio Nacional, escenógrafo, Fillo Predilecto de Mondoñedo e man dereita de Isaac Díaz Pardo na aventura de Sargadelos, que levou a Galicia á vangarda do deseño industrial e soubo dar forma ao universo cultural galego en pezas de cerámica, Xosé Vizoso (1950-2025) deixa unha fonda pegada na Mariña. Unha marca emocional polo seu talento e xenerosidade, pero tamén unha visible e desfrutable, pois a comarca é un museo aberto da obra do finado.
Muralista de enorme talento —como demostra o seu particular Gernika, en Celanova—, a súa pegada permanece no peirao de Foz, no emblemático «Rente ao mar», deseño que —a partir dos versos de Celso Emilio Ferreiro— creou xunto ao profesor Berio Quiroga e que completaron os escolares do colexio. O mosaico foi inaugurado no 1981 e destrozado por unha riada vinte anos despois. A obra actual, coa participación do alumnado do IES, data do 2004.

A poucos metros está outro mural deseñado por Vizoso, as pescantinas da fábrica de xeo do porto focense. No Colexio número 1 hai outra versión deste mesmo tema.

Pero se os murais de Vizoso converten a comarca nun espazo artístico ao aire libre, boa parte dos fogares da Mariña son tamén pequenos museos, coas pezas que o artista realizou para Sargadelos. Como a vaixela «Toxo», que elaborou a partir das xeometrizacións florais do pintor Bello Piñeiro no Casino de Ferrol.

Outra das súas creacións favoritas eran os cabalos das San Lucas, que lembraba debuxar de pequeno, e os galos que levaron a Sargadelos ás portadas pese a que, lembraba, houbo quen lle dixo agoreiro que ao entrar no forno «se ían desplumar».

Vizoso foi un artista popular que contribuíu como ninguén á promoción e á dignificación das festas de todos, dos encontros gandeiros ou da exaltación dos produtos locais, con obras de arte que penduraban das portas e das paredes para avisarnos da hora e o lugar no que estabamos convidados a volver atoparnos. Ao longo dos últimos días, cando foi homenaxeado en Santiago de Compostela e en Lugo con motivo do Día da Ilustración, as agrupacións da comarca aproveitaban a ocasión para lembrar a súa implicación con elas. Os seus queridos cabalos asomaban nos carteis das San Lucas, a feira tradicional máis antiga de Galicia. A súa vea máis esotérica impresionaba nos pósters da Queimada Popular de Cervo. O nariz vermello dos borrachos é todo un emblema do Entroido de Foz.