
A Queima do Entroido de Ribadeo, prevista para este sábado á noite, queda posposta para o vindeiro venres, día 28 de marzo. Veñen de comunicalo: «A intensa choiva que está a caer en Ribadeo imposibilita poder montar o boneco. O Concello e a comisión lamentan ter que pospoñer a queima do Entroido por segunda vez este ano, pero a metereoloxía manda».
Non hai maneira de queimar o Entroido este ano na vila ribadense. Primeiro aprazouse polo forte vento de ata 80 quilómetros por hora e agora pola chuvia. A ver o venres que agarda. Será o personaxe a queimar que é gafe. Xa foi "queimado" o pequeno Nicolás, no seu día tamén Trump cando fora elixido por primeira vez presidente dos Estados Unidos, e máis personaxes coma Puigdemont foron devorados polo lume. Ás veces hai ata polémica pola identidade do boneco a queimar. Cando se queimou a Puigdemont no 2018, en pleno procés, houbo que retirar a senyera catalana coa que ía o boneco, Puigdemont. Tamén se queimou a covid, por suposto, para acabar co becho (na imaxe). O deste ano é un secreto, pero resístese. Hai apostas por Putin.
A Queima do Entroido de Ribadeo é un acto importante dentro desta celebración popular; hai que lembrar que xa no ano 88 entrou no Guinness por ser o de maior tamaño do mundo con 13, 32 metros de altura. Forma parte xa da tradición. Pero de seguir pospoñendo a queima vai topar xa coa Semana Santa.