
A Mancomunidade ofrecerá do 28 ó 30 a cita NatureWatch
27 mar 2025 . Actualizado a las 20:37 h.A Mariña acollerá do 28 ao 30 de marzo o encontro de observación da natureza NatureWatch, que se celebrará presencialmente no Centro Sociocultural de Barreiros e que inclúe ademais diversas visitas ao territorio. Un total de 60 persoas chegadas principalmente de Galicia, pero tamén doutros puntos de España (Andalucía, Aragón, Asturias, Cataluña e Castela a Mancha), terán a oportunidade de afondar no coñecemento deste territorio como destino ornitolóxico, xeolóxico e botánico a través dun evento de recoñecido prestixio nacional. A maior parte correspóndese con perfís vinculados á xestión turística e de produtos, guías turísticas, entidades de xestión da biodiversidade, asociacións ambientais, técnicos de turismo e empresas hoteleiras, entre outros. O encontro, promovido pola Mancomunidade de Concellos da Mariña nesta ocasión dentro do Plan de Sostibilidade Turística 2022-2024, foi recoñecido pola Organización Mundial do Turismo como evento colaborador no 2017, ano no que se organizou por primeira vez, e desde entón celebrou máis de 20 edicións en diferentes provincias de España.
Referencia ornitolóxica
Coa súa celebración na Mariña dáse un paso máis no obxectivo de converter o territorio nun destino de referencia a nivel ornitolóxico, natural e xeolóxico, co fin de xerar desenvolvemento económico e social ó redor das empresas de turismo activo e ecoturismo, guías de turismo de natureza, aloxamentos, restaurantes de produtores locais, entre outros.
Parte do custo da inscrición será destinado a un proxecto local de conservación do medio ambiente a cargo de Rebinxe, unha organización sen ánimo de lucro para a conservación do medio ambiente creada por profesorado e alumnado do IES San Rosendo de Mondoñedo.
O programa a desenvolver entre o venres e o domingo na Mariña inclúe numerosas charlas e mesas-coloquio dirixidas por expertos en turismo da natureza e turismo sostibles, ademais de visitas guiadas a diferentes espazos naturais da comarca, como a praia das Catedrais ou á Serra do Xistral.