Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Inauguran en Celeiro a oficina Es.Mar da Xunta para tramitar axudas da UE

La Voz

A MARIÑA

Xaime Ramallal

Está dirixida a empresas e autónomos do sector marítimo-pesqueiro; asistiron á inauguración os conselleiros Alfonso Villares e Miguel Corgos

29 mar 2025 . Actualizado a las 15:28 h.

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, asistiron á apertura este venres da oficina Es.Mar Economía Azul de Galicia que o departamento autonómico puxo en marcha nesta localidade mariñá, co fin de que as empresas e autónomos do sector marítimo-pesqueiro logren un maior aproveitamento das axudas que establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), impulsando con elo a competitividade e a transformación da cadea mar-industria.

Deste xeito, coa posta en funcionamento estas instalacións, o Goberno galego completa a apertura da rede autonómica destas oficinas, que dan servizo a un total de 75 concellos. No caso do mariñao, son once: Cariño, Ortigueira, Mañón, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo.

Villares puxo en valor este novo servizo que terá un efecto decisivo no desenvolvemento da actividade marítimo-pesqueira, así como na xestión empresarial da mesma. A rede de oficinas Es.Mar Economía Azul de Galicia forma parte do paquete de medidas liderado pola Xunta para optimizar os recursos económicos que proveñen de Europa, pois a comunidade ten asignados 4 de cada 10 euros destinados ás autonomías, o que supón máis de 366 millóns de euros.

Neste senso, a de Viveiro incluirá accións relativas á transformación dixital do sector, a asegurar o relevo xeracional, á mellora da eficiencia empresarial, ao uso da innovación de cara a desenvolver novos proxectos e servizos, á implantación do comercio electrónico, e á formación relativa á normativa e xestión empresarial.

Pola súa banda, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, fixo fincapé na importancia de contar con servizos coma este para favorecer que a Administración e o tecido empresarial vaian da man, aproveitando ao máximo o financiamento comunitario. “Esta oficina Es.Mar de Viveiro cumpre á perfección este obxectivo para fortalecer o diálogo entre a administración e a cadea mar industria”, dixo.