«O meu neto, de 7 anos, vive moito a Semana Santa, e gustaríame que me relevase movendo a Virxe do Encontro»

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Che do Normandy, en los claustros de la iglesia de San Francisco
Che do Normandy, en los claustros de la iglesia de San Francisco PEPA LOSADA

17 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

De familia mariñeira, con tres tías e unha prima monxas (unha é sor Carmen, abadesa do convento das Concepcionistas) e un primo misioneiro, José Antonio Vale Giz, máis coñecido como Che do Normandy (Viveiro, 1957), vive con paixón a Semana Santa de Viveiro. Terciario da VOT, é o responsable, entre outros, de mover a Virxe durante o Santo Encontro que se celebra na mañanciña do Venres Santo. A seguinte entrevista é un extracto da que se pode ler no libro-pregón editado pola Xunta de Cofradías.

—Cando comezou a colaborar?

—Nacín no barrio da Pescadería e estiven metido na Igrexa desde neno. Fun monaguillo ata 1973, que fun para o mar, e desde sempre participei na Semana Santa.

—A súa relación co Encontro é moi estreita...

—Gústanme todas, pero é na que máis participo. Xa de neno movía a Verónica tirando da corda. Logo pasei a facer caer o Cristo ata o 1986, que me fun para a hostalería. Despois chamáronme para mover a Virxe, e aí sigo 38 anos despois. Gustaríame que o meu neto, que ten 7 anos e vive con moito entusiasmo a Semana Santa, me relevase movendo a Virxe no Encontro. Xa leva dous anos vindo comigo debaixo vendo como a manexo.

—Como ve o relevo no resto?

—En Viveiro todos somos da Semana Santa, os Carnavais, o Naseiro... Somos os que estamos ás mesmas cousas, pero penso que a Semana Santa é algo máis solemne e que se transmite. Iso si, animaría á xuventude sobre todo a non tocar todos o tambor, porque como sigamos aí non vai haber quen leve os santos.