O Sergas reitera «que a falta de médicos é responsabilidade do Goberno central»

La Voz

A MARIÑA

ALBA CANOURA FRA

Din que «de todas as xubilacións ou vacantes que hai neste momento na Mariña non se amortizou ningunha praza, a pesar de todos os esforzos, pola falta de profesionais»; garanten a asistencia sanitaria

26 abr 2025 . Actualizado a las 10:37 h.

A área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos afirma que «garante a asistencia e a atención cos máximos estándares de calidade a todos os usuarios da Mariña no seu propio hospital, que non só conta con todos os servizos que xa había, senón con máis que se foron creando nos últimos anos (oncohematoloxía, implantación de resonancia, hospitalización a domicilio e máis».

Sobre os traslados di o Sergas: «Os traslados realizados desde o Hospital da Mariña a outros centros hospitalarios son os mínimos e necesarios, pois esta medida só se adopta cando é absolutamente imprescindible e coa única finalidade de asegurar a mellor resposta para o proceso clínico de cada paciente, tendo en conta que o fin primordial do sistema sanitario é prestar a mellor atención aos seus pacientes con todas as alternativas diagnósticas e terapéuticas que haxa ao noso alcance».

«A xerencia da área sanitaria xa está a tomar todas as medidas posibles para mitigar a situación de déficit de facultativos que hai neste momento no Hospital Público da Mariña. A falta de facultativos é un problema que afecta a todo o territorio español e, en maior medida, aos hospitais máis pequenos. O déficit de médicos na sanidade española (non só na da Mariña), é responsabilidade directa do Ministerio de Sanidade non das comunidades, que son as que soportan esta situación tratando de solventala con todos os medios dos que dispoñen para seguir ofrecendo a asistencia de calidade que merecen os cidadáns».

«Hai que salientar, ademais, que de todas xubilacións ou vacantes que hai neste momento non se amortizou ningunha praza, nin de Atención Primaria nin do Hospital na Mariña. A pesar de todos os esforzos que se están a facer, motivado pola falta de profesionais nas listas de contratación, hai algunha praza vacante que non se logrou ocupar, aínda que se segue ofertando e tratando de cubrir. Por outra banda nos orzamentos da área sanitaria de Lugo para este ano 2025 está prevista a creación de 37 prazas máis de distintas categorías no Hospital da Mariña», conclúe.