
Nesta xa cuarta semana de concentracións queríamos poñer sobre a mesa e que a poboación sexa consciente da situación de desamparo dos pacientes da Mariña. En varias ocasións mencionamos o exemplo de Cardioloxía, servizo que até non hai moito realizaba procedementos complexos como o implante de marcapasos e tiña pacientes ingresados ao seu cargo neste centro, derivando puntualmente para procedementos avanzados que non estaban dispoñibles na Mariña (cateterismos, estudios electrofisiolóxicos...). A falta de cobertura de plazas vacantes fixo que dende hai case 1 ano se pechase a planta de hospitalización, derivando ao HULA todos os pacientes para o seu ingreso. A falta de cardiólogos non só afectou a planta de hospitalización, senón tamén se viu afectada a demora nas consultas externas. O Sergas defende que a falta de médicos é un problema a nivel nacional, mentras que na nosa área é moito máis acusada. Segundo os últimos datos do Sergas, publicados con data de 12/2024, a espera media en Galicia por unha primeira cita en Cardioloxía é de 111.8 días, sendo de 293.9 días no noso centro. Neses mesmos datos, recollen 366 pacientes en espera por un cardiólogo durante máis de 1 ano, dos cales 3 son da área de Lugo e os outros 363 da Mariña (ningún recollido noutras áreas de Galicia). Non parece que haxa equidade dentro da área sanitaria cando o Sergas rexistra unha espera de 59,4 días en Lugo, en Monforte 28,4 días e na Mariña 293,9 días.
Medicina interna é outro dos grandes afectados pola fuxida de facultativos e vacantes sen cubrir. Nos últimos anos foron moitos os médicos "de paso" polo centro, que debido a sobrecarga e falta de organización marcharon da área en busca de mellores condicións laborais. A falta de estabilidade na plantilla e a súa merma continua ten como resultado a imposibilidade para o seguemento dos doentes neste centro, facendo que nos últimos meses se deriven a Lugo os pacientes, tanto para o seu ingreso como para valoracións en Consultas Externas. Segundo datos do propio Sergas (12/2024), había 103 pacientes en espera entre 6-12 meses, e 119 máis de 1 ano, sendo todos da Mariña (ningún noutras áreas de Galicia). A espera media na Mariña nesta especialidade é de 106,6 días, case o dobre que no total en Galicia (54,4 días) e moi afastada dos outros centros da provincia (12,6 días en Lugo, 14,5 días en Monforte).
Son moitas as oportunidades perdidas e que chegamos tarde, por eso pedimos medios e personal para tratar aos nosos pacientes, pedimos equidade dentro do Sergas e a redistribución dos recursos.
Asinan: Colectivo En Defensa dos Pacientes da Mariña