Darío Campos: «A Queima dos Fornos é dos mellores espectáculos pirotécnicos de Galicia»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA A PONTENOVA / LA VOZ

A PONTENOVA

cedida

O rexedor local pontenovés resalta o avance en proxectos «estrela» como a residencia e a Senda Verde, única galega

11 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Darío Campos, alcalde do Concello de A Pontenova, saca un anaco da súa xornada habitual para falar do municipio, proxectos de futuro, pasado e presente pero tamén das festas, que son unha moi boa escusa desta conversa. De feito, sinala sobre os festexos: «As festas son a ledicia do pobo, cando a xente invita á familia a comer e pasalo ben. É como o cume do ano. Recordo cando era pequeno estaba esperando a que chegaran as festas do pobo polos doces a pola reunión coa familia. Convidamos a todos a que veñan ás festas da Pontenova, sobre todo á Queima dos Fornos que é dos mellores espectáculos pirotécnicos de Galicia agora mesmo. Convidamos a todos os lucenses pero tamén aos asturianos a vir».

-Canto tempo leva ocupando o sillón da alcaldía pontenovesa?

-Doce anos e pico.

-Que balance faría, xa non só a nivel político senón tamén persoal, se o cargo desgasta?

-A nivel persoal é unha boa experiencia e recomendable para todos os veciños, que vexan o que hai e o que tes que facer ás veces para chegar a moitos sitios. Creo que con dedicación e traballo van saíndo as cousas para adiante.

-Compaxinouno ben cando presidía a Deputación de Lugo?

-Compaxineino ben. Foi diferente. A verdade é que foi duro pero máis ben pola Deputación que polo Concello.

-Nun concello da dimensión do de A Pontenova, cales son as ocupacións día a día?

-Sacar adiante proxectos. Con algúns deles levamos doce anos como é a recuperación da mina, a residencia tamén coa idea de darlle para diante dende que entramos pero, por unha cousa ou por outra, foi difícil. Agora parece que iso o temos encamiñado. Con respecto á residencia, compramos a última finca, estamos a rematar o proxecto de execución e esperamos que este mes nolo entreguen... e xa se podería contratar.

-Estamos logo nunha fase determinante da residencia.

-Pasamos moitos anos sen ver nada. Ata a Confederación nos contestou relativamente rápido porque está a menos de cen metros do río. Agora creo que xa neste ano se podería contratar a licitación da residencia.

-Foi unha longa espera.

-Como xa dixen, levamos uns doce anos. Desde que entrei como alcalde foi unha das cousas que me faría ilusión poñer en marcha. É necesario. Moita xente de aquí está vivindo soa e de cada dous por tres nos pregunta cando se abre a residencia porque agora mesmo a poboación é cada vez máis maior xa e é un problema gordo que haxa xente que viva soa e que o pase mal a nivel de calidade de vida.

-Outro dos proxectos estrela de A Pontenova é o da mina.

-Creo que agora estamos facendo un bo traballo, coa recuperación do Forno do Boulloso. Hai un investimento de case 140.000 euros da compra da finca, do forno e a restauración. Polo menos está visible porque estaba nunhas condicións nas que ía caer; ata había un pino no alto do forno que estaba facendo unhas gretas importantes. Así poñemos en valor o pasado mineiro de A Pontenova. Outro proxecto que temos e no que andamos, na compra das fincas, é a posta en marcha da tirolina. É un proxecto, para min, tamén estrela. É a recuperación do noso pasado, nese sentido estamos traballando para poñelo en valor.

-Viría sendo como unha revalorización do pasado para que tamén dea os seus froitos no futuro, sobre todo a nivel turístico.

-Este é un concello que vive da madeira e agricultura e gandería hai pouca e do que nos queda é as empresas do polígono de Recende, algo de turismo rural hai e están funcionando moi en. Pero sería tamén interesante sacar o proxecto da Senda Verde para diante, na nosa zona pero tamén en Ribadeo, Trabada e San Tirso, así como ter as infraestruturas e carreteiras en condicións dignas para a xente do rural.

-A Senda Verde, ademais, é a única que hai en Galicia.

-Si. Este verán veu moita xente facéndoa en bicicleta, andando... todas as fins de semana. É un entorno moi dinamizable turisticamente.

«Coa tirolina quixemos recordar por onde baixaban as vagonetas»

A Pontenova é un dos núcleos do interior mariñao con moito potencial. «O interior mariñao -resalta o rexedor local pontenovés Darío Campos- ten moita natureza e moito onde traballar. Queda moito por facer pero tamén se fixo bastante. Por exemplo co tema da tirolina, quixemos recordar un pouco por onde baixaban as vagonetas co mineral, a través dun cable e foi onde sacamos a idea. Tamén poder entrar nas galerías a modo de espeleoloxía pois teñen uns colores impresionantes».

-Ese «illamento» derivado das infraestruturas en certas zonas, podería ser aproveitado como «vantaxe» para buscar un turismo de natureza e tranquilo ou o denominado «slow»?

-Creo que a xente que vén aquí vén a buscar o descanso e a natureza e nese aspecto aquí temos suficiente.