O CEIP da Pontenova gaña o primeiro premio nun concurso a nivel nacional de boas prácticas ambientais
A PONTENOVA
Conseguiu o galardón co vídeo-resumo do proxecto «A hortas coa vida: agricultura e biodiversidade»
06 jul 2024 . Actualizado a las 11:18 h.O CEIP Plurilingüe da Pontenova gañou o primeiro premio no concurso de boas prácticas ambientais «Ecoexperiencias para crear conciencia», promovido por la Fundación Vivo Sano e valorado en 500 euros en material educativo, cun vídeo?resumo do proxecto do centro «A hortas coa vida: agricultura e biodiversidade». O concurso foi convocado entre escolas de toda España que promoven proxectos de sensibilización e conciencia medioambiental.
«A hortas coa vida: agricultura e biodiversidade. Coidando do noso territorio» é un proxecto educativo de centro que busca implicar á comunidade educativa e cuxo obxectivo é poñer en valor os saberes e o traballo agrario presente na nosa cultura rural, facendo máis atractiva a alimentación agroecolóxica e local entre o alumnado.
«Propoñemos accións que teñan unha incidencia directa sobre o noso territorio máis próximo: o espazo verde e a horta da nosa escola, que entendemos como un verdadeiro espazo de aprendizaxe. Co apoio do Concello da Pontenova, desenvolvemos un proxecto de acompañamento de horta escolar que implica a todo o centro e á comunidade a través de traballos de investigación?acción. Para isto, e contando co apoio e asesoramento dunha persoa experta na materia, dinamizáronse diversas actividades que van dende o coñecemento da estrutura do solo ata o estudo sobre a compostaxe dos restos orgánicos xerados no comedor escolar, pasando por actividades que vencellan temas como agroecoloxía, muller e prensa», apuntan desde o centro educativo.
«Ademais, por primeira vez, o CEIP Plurilingüe da Pontenova pasou a formar parte da estratexia alimentaria Eo ? Alimenta na biorrexión do río Eo», conclúe.