Dúas veciñas, Patricia e Alicia, de 24 e 26 anos, colleron o relevo na organización da festa para non perder a tradición
06 ene 2024 . Actualizado a las 15:51 h.O campo da festa de Vilamar, en Barreiros, encherase de xente o próximo sábado, 13 de xaneiro, para celebrar a Festa dos Callos, que chegará á súa duodécima edición. Así o destacan Patricia e Alicia, as veciñas de 24 e 26 anos da parroquia que este ano se animaron a tomar o relevo da anterior comisión na organización dun festexo que comezou como un encontro veciñal e que se ten convertido nunha cita imprescindible do inverno mariñán. «Seguiremos coa tradición, sen cambiar receitas nin nada», subliña Patricia. A festa dará comezo ás 21.30 horas nunha carpa con calefacción, e nela repartiranse ó redor de 420 racións do saboroso prato, tan típico da gastronomía galega.
O menú por persoa custará 28 euros e inclúe callos, costela asada de porco cela con pementos e patacas, café, postre, viño, chupitos, refrescos e auga. Os nenos entre 6 e 12 anos terán un prezo reducido de 14 euros. Ó remate da cea haberá sorteos, ademais de música do dúo Xilo e Carlos Manteiga. O colofón correrá por conta da disco móbil Conxuro, unha das máis demandadas na comarca nos últimos tempos.
A comida será preparada polo cátering Chao da Brea, e os camareiros servirán os pratos ó ritmo da banda sonora da película Piratas del Caribe, como vén sendo habitual. Haberá máis de media ducia de colaboradores. «Estamos moi ilusionadas coa acollida que nos está brindando a xente. Queremos que a festa non desapareza e non cambiar nada», engaden.