Grandes e pequenos gozan de produtos artesáns e de horta ou aprenden a facer mel no Mercadiño de Outono de Barreiros

Lucía Rey
Lucía Rey BARREIROS / LA VOZ

BARREIROS

<span lang= gl >Camilo Friol, de Mel de Rexa, de Celeiro de Mariñaos, este domingo explicando a nenos e grandes como se fai o mel</span>
Camilo Friol, de Mel de Rexa, de Celeiro de Mariñaos, este domingo explicando a nenos e grandes como se fai o mel Xaime Ramallal

A cita celébrase este domingo nunha carpa instalada na Praza do Concello

13 oct 2024 . Actualizado a las 17:00 h.

Hai 17 anos que Vanesa Maseda e David Fernández montaron en San Pedro de Benquerencia a pastelería artesá Obradoiro, na que a diario cocen diferentes tipos de pan, bolos preñados, empanadillas ou «carolóns», un doce cun aroma inconfundible que leva noces, pasas ou esencia de anís. A fariña e a auga, pero especialmente «o tempo», son os ingredientes básicos dun dos moitos produtos naturais e artesáns que este domingo teñen un oco especial no Mercadiño de Outono de Barreiros, organizado polo Concello en colaboración coa área de Medio Rural da Deputación de Lugo e Asoporcel, o colectivo que agrupa ós criadores de porcino celta. «Temos 34 postos, dos que 9 son de Barreiros e o resto son de proximidade: doutros puntos da Mariña, da Chaira ou do occidente de Asturias», explicou Daniel García Fernández, concelleiro e deputado provincial. Tres veces ó ano desde o 2022 (no Nadal, na primavera e no outono), o Concello barreirense promove esta iniciativa para dar a coñecer e poñer en valor o que fan produtores e artesáns de proximidade, ó tempo que contribúen a dinamizar o pobo. 

Xaime Ramallal

Xaime Ramallal

Pola mañá, pouco despois de abrir a feira, unha das actividades que máis expectación levantou, especialmente entre os máis pequenos, foi a exhibición de apicultura impulsada por Mel de Rexa, un dos produtos de Abrigadoiro de Rexa, un complexo de agroturismo sostible que permite vivir unha experiencia rural en plena natureza en Celeiro de Mariñaos. 

Xaime Ramallal

Xaime Ramallal

A relación de postos é a seguinte: Cervexería Artesá Augas Santas, Huertina de Yan, Tecrima, Mel de Rexe, Olivia C. Rozas, Pinchos e Pincel, Luz de Tea, ANPA do CEIP San Cosme de Barreiros, posto de castañas e noces, roscas e churros de Mondoñedo, Amar a Mariña, Celtagal & CMF Celtaporc, Terras da Mariña, Argalladas, Sanaartesana, Anudares, Setaramundi, Llóndrigas, Bombones Moreno, A Esmaltería, Inhala, Pompas Pompis, Saúde Mental A Mariña, Cantos Artesanía, Musgo & Nordés, Larpeiradas galegas, Champivil, Black to arts, Mans artesáns, Tuxosmiel, Sibubynaty e Arte pastoril & Lá de María. 

O mercadiño conta tamén cun libro de postos solidarios no que o recadado irá a prol da asociación Somos Unidos por el cáncer. A cita foi amenizada desde primeira hora polo grupo de gaitas da Asociación Folklórica O Arco da Vella, e ó mediodía estaba prevista a actuación de Os Mustélidos. A esa hora tamén se programou unha degustación de produtos de porco celta e cervexa Augas Santas. Pola tarde, desde as 17.00 horas, haberá obradoiros de manualidades infantís de outono e degustación de castañas asadas. A xornada rematará cunha festa musical infantil, e o sorteo de cestas con produtos do mercadiño.