
A artista visita Ribadeo hoxe para celebrar un encontro cos mozos e mañá estará en concerto no auditorio de Burela
17 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.María Xosé Silvar é coñecida por todos co nome artístico de Sés. E ten dobre cita na Mariña, hoxe en Ribadeo falando cos mozos (IES Dionisio Gamallo Fierros, 12.30 horas) e mañá actuando en Burela (Casa da Cultura, 21.00) para presentar o disco Opoñerse á extinción.
-Non é a primeira vez que a vemos charlando cos novos...
-Teño moitos encontros con rapaces. Paréceme supernecesario. Creo que é unha xeración perdida no sentido en que esta moi descoidada, algunha educada a través dos móbiles e vítima de contidos supernocivos que reciben por todos lados.
-En que ve que se vai atrás?
-Hai un retroceso de igualdade de xénero moi grande.
-Cal cre que é o por que do seu «feeling» cos mozos?
-Eu realmente ía para profesora. De feito, algo que dixen que notaba nas aulas, era que os rapaces, coma todos os seres humanos, te respectan cando os respectas e lles gustas cando a che gustan. Eu trátoos de igual a igual. Sei que teñen moitísimas capacidades e temos que respectar a súa idade cognitiva. Están experimentando moitos cambios. A dos novos non é unha rebeldía gratuíta. Lía hai pouco que a idade na que o ser humano evoluciona máis neurolóxica e cognitivamente, despois dos 2 anos, o único momento vital comparable é a adolescencia. É un momento no que os adultos lles esiximos unha estabilidade e eles están vivindo un ciclón hormonal e interno a moitos niveis. Medramos moito e de súpeto se nos esixe moitísimo porque pasamos a ser por fóra moi grandes pero por dentro vamos ao noso ritmo(...) Eles teñen cousas marabillosas.
-A súa adolescencia foi...
-A miña adolescencia foi complexa. Entendo ben os complexos físicos dos adolescentes. Sempre dixen que, para ben ou para mal, de broma digo que fun unha adolescente un pouco monster. Centreime en estudar e era simpática. Sempre digo que ao final considérome afortunada porque me sentei moito a aprender e a satisfacer as miñas curiosidades, que sempre foron moitas. Sempre tiven moitísimos amigos e gustábame moito contar chistes, sempre sacaba boas cualificacións aínda que falaba moito na clase. A educación, penso, vai da man entre a familia e o profesorado e ambos se teñen que respectar, axudar se queremos que os nosos rapaces vaian para diante.
-Tan mal ve o mundo agora?
-Cando eu tiña 15 anos petaban Ella baila sola, Rosana, Alanis Morrisette... Pero pasouse a unha hipersexualización total das persoas que se soben aos escenarios, pero máis esaxerado nas mulleres. Shakira é o exemplo perfecto, o dunha muller que hai anos tocaba a guitarra e falaba das súas cousas vestida e pasou a ser unha persoa que non sabe subirse ao escenario sen estar espida.
-Como vai o novo disco, Sés?
-Estamos vendendo todo. Fixemos sold out agás nun concerto, nun auditorio grande. Os meus músicos están moi contentos. Agradezo un auditorio cheo inmensamente pero o único que me fai pensar é que mañá me teño que levantar e traballar outra vez. Non me fai acomodarme.