![](https://img.lavdg.com/sc/_HBxjk0L815OBV_ShrcEm9pn26Y=/480x/2020/02/17/00121581972482776696313/Foto/XF18C1F5_214620.jpg)
Haberá recoñecemento mariñán, ben merecido, na vindeira Gala dos Premios Mestres e Mestras na Memoria que alcanzará a súa quinta edición no mes de maio en Lugo, baixo a organización da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) que tras celebrar a súa asamblea xeral de socios o pasado sábado decidiu conceder ese galardón a Batuko Tabanka, o grupo formado por doce mulleres caboverdianas en Burela a finais do século XX, con disco editado no 2009 (baixo o nome de «Djunta mô»), protagonizando documentais e participando en numerosos festivais e programas de televisión. Tamén recibirá o mesmo premio Emilio Españadero.
Os dous foron propostos pola sección de literatura da AELG formada por, entre outros, por Antonio Reigosa. Dende a AELG o seu presidente e secretaria xeral din de Batuko que «na súa música revive a memoria das súas orixes que recuperaron entre nós, na terra á que se viron forzadas a migrar por necesidades económicas».