A influencer Paula Jorge, unha burelense con raíces caboverdianas que arrasa en TikTok
BURELA
A «tiktoker», que aconsella a persoas negras sobre maquillaxe, fíxose coñecida pola defensa da súa identidade nas redes
15 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Existe a «burelidade»? Que a define? Son as preguntas que a ‘tiktoker’ burelá Paula Jorge (Burela, 1989) tentou responder nunha conversa con Mario Brión, director do podcast ‘Ai, Diomio’, que se pode escoitar na rede.
Jorge, que creou hai catro anos unha canle de Youtube para aconsellar sobre maquillaxe ás persoas de pel negra, fíxose accidentalmente popular na rede despois de publicar en TikTok dous vídeos virais nos que defende a súa identidade contra prexuízos «que me tocan a fibra», asegura.
«Un foi para respostar a unha mensaxe dun rapaz que fixo mofa dos galegos, e o segundo para contestar a outro que me dicía que o meu galego era moi forzado, cando é o idioma que máis emprego», explica. O primeiro vídeo ao que se refire tivo máis de 130.000 visualizacións.
Na rede aínda sorprende «que unha persoa negra fale galego», admite Jorge, filla de migrantes caboverdianos que chegaron a Burela a finais dos anos 80. Non chama a atención na súa vila natal, onde Paula medrou «sen sentir ningún tipo de discriminación» pola cor da súa pel e polas súas raíces «con respecto ao meu grupo de amigas da infancia, todas brancas». Aínda así, é consciente de que a integración é unha tarefa que require atención permanente: «sei que hai casos de persoas que tiveron trabas para traballar de cara ao público ou alquilar pisos», admite.
Deste xeito, define o que debera ser a burelidade: «se vives aquí non podes ser racista, tes que ser tolerante porque hai unha porcentaxe importante de migrantes», resalta. Un fenómeno migratorio que é tan antigo coma o ser humano -e en todas as direccións-, e que se nega a ver «como un problema, porque ter máis de 40 nacionalidades nun concello, como ocorre en Burela, é unha riqueza».
Mentres traballa e oposita para mestra de educación primaria, Paula aínda ten tempo para manter as súas canles de Youtube, Instagram e TikTok, esta última cuns 6.700 seguidores. «É unha ferramenta brutal de entretemento, pola brevidade dos vídeos, pero tamén de aprendizaxe sobre medicina, alimentación ou deporte», salienta.
A primeira das contas naceu para encher un baleiro: «cando comecei a saír de festa coas amigas eu quería maquillarme, pero non había nada. Vinme na situación de ser negra cando todas as bandas de maquillaxe nas tendas eran clariñas», relata. Daquela pensou nas persoas que poderían estar vivindo un caso similar e atreveuse a falar para o globo. Hoxe aconsella a seguidoras de Cuba, Colombia ou Uruguai, entre outros países.
Co tempo, as súas canles na rede abríronse a outras temáticas e Jorge foi ofrecendo en pílulas breves reflexións persoais sobre situacións cotiás e a súa forma, tan ‘burelá’, de ver o mundo.