Creou o videoclip de «La leyenda del tiempo», de Xosé Lois Romero & Aliboria
07 nov 2022 . Actualizado a las 21:37 h.«El sueño va sobre el tiempo / flotando como un velero / flotando como un velero / nadie puede abrir semillas en el corazón del sueño / en el corazón del sueño». Así rezan os versos de Federico García Lorca que cimentaron una das cancións máis populares da historia do flamenco e da música popular en España, «La leyenda del tiempo». Cantouna Camarón de la Isla no 1979, e soou tamén nun dos episodios máis celebrados da serie de TVE «Ministerio del Tiempo», cando nunha viaxe no tempo o poeta escoita do «cantaor» a súa propia creación e se decata de que triunfou sobre os seus verdugos. Agora volve soar, cunha sonoridade galega, da man de Xosé Lois Romero & Aliboria, formación que confiou o videoclip da peza de Burela Adrián Canoura.
O realizador mariñao asumiu o reto de levar a imaxes os versos dun dos poetas españois máis célebres. «Gustábame moito a canción orixinal de Camarón e parecíame moi especial que se fixese unha versión galega, con ese ritmo tribal. Xosé Lois Romero & Aliboria participan nos concertos de Baiuca, nos que eu fago proxeccións, e aínda que é a primera peza que fago para eles xa había unha certa complicidade. Foi un desafío moi bonito e estou moi agradecido», expón.
Canoura tivo que facer o traballo a contrarreloxo. «Agora mesmo hai moi pouco tempo para gravar videoclips e tiven menos dun mes para facelo. Daquela tirei de pura montaxe, utilizando algo de material gardado, porque sempre me gustou ter de reserva unha pequena biblioteca», explica o realizador burelao.
A premisa coa que partía foi «ser capaz de atopar un mundo onírico, que é o que transmite a canción», sinala Canoura, que foi descifrando as cadeas de palabras e tamén os ritmos da música. O autor do videoclip non quería «caer na tentación de ser demasiado fiel ao que di cada verso, ir amosando o poema palabra por palabra. Preferín deixarme levar, imaxinar cousas e trasladalas a imaxes», afonda.
Polo videoclip de «La leyenda del tiempo» asoman paxaros, auga, nubes e ollos que parpadexan e contemplan o infinito -e quizais ao propio espectador-. «Tentei reflectir o que me transmitía a canción coa natureza e texturas, fiando imaxes que por separado non din o mesmo que xuntas», apunta.
«Este traballo tiña un contexto moi especial, poder achegar algo positivo á homenaxe que Xosé Lois Romero & Aliboria fan, e á propia calidade da peza, que foi pasando de xeración en xeración. É bonito que os artistas continúen a revisitar a canción e ofrecer as súas propias interpretacións dela», engade.
Documental sobre o Gran Sol
Canoura segue a acompañar nos concertos a Baiuca, a gran revelación da música pop galega, e traballa nun documental experimental sobre a pesca no Gran Sol, ideado a partir da descuberta dunhas cintas que gravou seu pai, Raúl, cando faenaba no lendario caladoiro. O propio Adrián embarcou unha marea para compilar novos cortes e imaxes.
«Estou indo da man dun produtor, Brais Romero, e atopámonos nunha etapa de produción para que o proxecto pille corpo, a nivel de difusión e tamén de financiamento. A intención é que nalgún punto do 2023 poida estar listo para levalo a festivais», conclúe.