David Mon, burelao e cofundador de Kaito: «O Mestre Mateo é un empurrón para seguir»

BURELA

David Mon, no centro, cos integrantes da produtora Kaito e co Mestre Mateo
David Mon, no centro, cos integrantes da produtora Kaito e co Mestre Mateo ANDREA MORANDEIRA

A produtora gañou o premio ao mellor anuncio por parte da Academia Galega do Audiovisual

14 mar 2023 . Actualizado a las 14:52 h.

«Cóllesme traballando, porque gañamos o Mestre Mateo, pero non o Euromillón», ri David Mon (Burela, 1988), cofundador da produtora coruñesa Kaito, que vén de gañar o premio Mestre Mateo ao mellor anuncio por «As Estrelas do Camiño - Miradas de Resistencia», elaborado para Estrella Galicia. «Estamos moi contentos porque galardóns así son un empurrón para seguir neste oficio», resalta. Alento, pois, para unha empresa fundada por Santiago Raimundi e Mon no 2018.

No spot, rodado entre Galicia e Portugal, Kaito tece historias de resistencia ao fío do Camiño de Santiago. Para a campaña, ideada pola axencia Aúpa! e cunha pata de arte urbán e outra de audiovisual, elaboráronse varios murais en lugares de fin de etapa da ruta xacobea, nun primeiro ano desde O Cebreiro a Compostela e nesta ocasión desde Oporto á capital galega, co obxectivo de constituír a galería de arte meirande do mundo. Cada unha desas pinturas -de Mon Devane, Lula Goce e Daniel Eime- retrata a unha persoa que encarna valores de resiliencia e vinculada a o lugar.

De aí saíron, entre outras, as historias de Quim, campión europeo de maratón tras superar un cancro, da familia Ocampo, que elaborou as campás da Catedral de la Almudena, en Madrid, dos irmáns Baraça, catro xeracións de artesáns na localidade lusa de Barcelos.

Mon encargouse da produción executiva do spot, desde buscar fachadas para os murais ata contratar aos actores. «Tentamos facer unhas pezas a medio camiño entre a imaxe e o documental, cun estilo coidado pero contando historias de vida reais», indica.

A produtora estreou un documental sobre Domingo Fontán, creador do primeiro mapa topográfico de Galicia, e traballa noutro para TVG sobre o laurentino Francisco Fernández del Riego, homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2023. Está por estrear «Morabeza», peza audiovisual na que se afonda na relación entre Burela e Cabo Verde.

Mon conta que aspiraba a ser «reporteiro de guerra» pero ao estudar na Escola de Imaxe e Son descubriu o potencial da ficción. E apaixounouse «por este oficio, que non é moi distinto do taller dun alfareiro por moito que acabemos nunha gala con xente moi ben vestida», remarca.