Touriñán: «Primeiro hai que rirse dun antes de poder rirse con nada ou con ninguén»

Yolanda García Ramos
yolanda garcia BURELA/LA VOZ

BURELA

PEPA LOSADA

Presenta este venres 14 en Burela o seu espectáculo máis personal, «Aquí Tou!»

13 abr 2023 . Actualizado a las 22:20 h.

Hai uns anos, o humorista galego Xosé A. Touriñán facía unha paradiña na Mariña para adentrarse, como ben se pode apreciar na imaxe, na cova máis grande de Galicia, Rei Cintolo. Nesta ocasión, volve á comarca pero para facer outro tipo de exploración: interior. Tal introspección chegará en forma de monólogo coa intención de facernos rir a esgalla, como Tou sabe facer. «Aquí Tou!» é o nome, claro e conciso e de marca propia, deste espectáculo do que se poderá gozar este venres 14 en Burela (Casa da Cultura, 20.30). As entradas están á venda na web aquitou.gal.

—Como arrancou esta xira tan persoal... e intransferible?

—Esta xira arranca porque é un monólogo que teño xa construído de pouco antes da pandemia. É certo que parou por iso, pero é un espectáculo unipersonal que é moito máis fácil de mover, de xirar con el, co que imos a teatros máis pequenos que cos que habitualmente traballamos (con Somos criminais, Fariña ou Recortes, caneos e outras formas de driblar). É como un complemento ao resto de actuacións e espectáculos que temos. Agora tiñamos uns ocos nas datas, porque Carlos Blanco tamén está facendo teatro cunha compañía de Madrid e tiña algúns bolos soltos; entón decidimos que nesas datas poderiamos ir metendo este espectáculo, aí polo medio...

—Por que se ‘arriscacou’ a falar enteiramente de vostede esta vez? Ten o ego algo subido ou é aquilo de ‘mellor que fale eu de min que que o fagan os demais’?

—Primeiro hai que rirse dun antes de poder rirse con nada ou con ninguén. A idea deste espectáculo é esa: dende min, dende a miña historia facer humor e risa... e estas cousas. Non ten nada de egocéntrico. Para nada!

Aquí Tou! tamén ten un punto atrevido visionario, o momento final da existencia vital, con epitafio incluído ao parecer. Por certo, como lle gustaría que fose o seu paso ao máis alá, se non é moito preguntar?

—Non sei se ten un punto visionario. Máis ben... Como me gustaría que me despedisen? No espectáculo conto como nacín, conto como medrei, pero o que vén no futuro non sei como será pero si que sei como me gustaría que fose. É o que conto na parte final do espectáculo.

—Creo que o público da Mariña lle quere ben. Con que ánimo vai chegar a Burela este venres?

—É un gusto ir a Burela. Creo que a primeira vez que fun foi con Amigos ata a morte foi un bolazo, un espectaculazo incrible. Sempre que imos por aí o público en Burela, e o da Mariña en xeneral, funciona fantasticamente. Gustaríanos ir moito máis pero é complicado, de verdade, atopar outros lugares, outros teatros. Imos moito a Burela porque é onde nos acollen sempre con moita amabilidade e onde o público sempre responde moi moi ben.

—Sería o mesmo humorista que é sen o seu paso televisivo, que lle aportou tantos éxitos?

—Por suposto que non! Un é de onde vén e das cousas que fai. O mesmo humorista non podería ser nunca. Non sería nin mellor nin peor, seguramente. Xa a difusión... Como dicir... Esa fama entre comillas que che dá a televisión axuda moito para achegarte á xente, para que te coñezan e para que vaia máis xente ao teatro a verte porque lles gustas nos traballos televisivos. Fun primerio humorista de televisión case que humorista de teatro e de auditorios. Empecei a facer auditorios cando xa era medio recoñecido polo menos en televisión. É verdade que con Mucha e Nucha empezamos en bares e locais, que dan un percorrido e unhas táboas que creo que viñeron moi ben para a miña formación como humorista e para facer o humor que eu fago.