Burela forma a máis de 30 alumnos nas certificacións B1 e B2 de Lingua Portuguesa para ampliar as súas oportunidades laborais

Lucía Rey
Lucía Rey BURELA / LA VOZ

BURELA

<span lang= gl >Alumnos de Burela, Foz e Ribadeo acoden dous días por semana en horario extraescolar ó IES Perdouro para formarse no programa Cuale de Lingua Portuguesa</span>
Alumnos de Burela, Foz e Ribadeo acoden dous días por semana en horario extraescolar ó IES Perdouro para formarse no programa Cuale de Lingua Portuguesa CEDIDA

O IES Perdouro oferta o único programa Cuale nesta lingua que se imparte en toda a Mariña; os exames serán en Lugo

23 sep 2024 . Actualizado a las 17:39 h.

Ampliar o abano de oportunidades laborais e académicas do alumnado é un dos obxectivos do programa Cuale de Lingua Portuguesa que imparte o IES Perdouro de Burela este curso, e que permitirá obter as certificacións B1 e B2 nun idioma que comparte raíz co galego. Un total de 32 persoas (15 para o B1 e 17 para o B2) comezan este luns o curso que, en horario extraescolar, imparte Vanesa Vila Verde, profesora de Lingua Portuguesa en primeiro e segundo de Bacharelato no instituto mariñán que acolle un maior número de estudiantes orixinarios de Cabo Verde.

A docente toma desta maneira o relevo de Bernardo Penabade, o docente que ata a súa xubilación, a finais do curso pasado, impulsou unha iniciativa que vai máis aló do académico, xa que tamén contribúe a aumentar a autoestima de moitos rapaces caboverdianos que, ó emigrar a outro país, perderon dalgunha maneira o vínculo coa súa lingua materna, así como coa súa cultura ou as súas tradicións. 

Participan no Cuale alumnos de Bacharelato, ciclos formativos de grao medio e superior ou que teñen acrediato un A2. «Hai moitos rapaces que tiñan a oralidade en portugués, pero que ó entrar en contacto co español mesturaron as linguas. No curso recuperan a boa velocidade o dominio do portugués», subliña Vila Verde, que tamén destaca as vantaxes que pode conceder a certificación a nivel académico e laboral para encontrar un emprego, por exemplo, en empresas con relacións comerciais con países como Portugal ou Brasil, entre outros. 

As clases impártense dous días por semana, os luns e os martes. O curso é gratuíto e ofrece a posibilidade de participar tamén a custo cero en dúas convocatorias de exames: unha ordinaria e unha extraordinaria. Estas citas teñen lugar na Escola Oficial de Idiomas de Lugo. Vanesa Vila resalta que o curso supón unha «inmersión lingüística» de gran calidade, xa que permite que uns alumnos, os que teñen o portugués como lingua nativa, e que a miúdo teñen dificultades académicas ou sociais, «se empoderen» e o resto «se formen». «É un auténtico privilexio porque hai desde o principio unha oralidade moi boa», conclúe.