«Ledicia é unha gran familia e chega ao 50 aniversario en bo estado de saúde»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO BURELA / LA VOZ

BURELA

Rocío Rivera, presidenta de Ledicia, ten un pequeno negocio, polo que sabe ben da importancia de tecer redes e facer pobo
Rocío Rivera, presidenta de Ledicia, ten un pequeno negocio, polo que sabe ben da importancia de tecer redes e facer pobo Xaime Ramallal

Rocío Rivera é a presidenta desde hai 27 anos da sociedade que este venres 22 celebra en Burela unha cea especial

22 nov 2024 . Actualizado a las 10:47 h.

A Sociedade Cultural Recreativa Ledicia de Burela festexa o seu 50 aniversario este venres 22 cunha cea no Hotel Nordés, aberta a todo o público (menú, 30 euros para adultos e 15 para nenos). Será o primeiro dos actos conmemorativos, segundo explica Rocío Rivera Seara, membro da directiva a partir de 1994 e presidenta da sociedade desde 1997. Os seus predecesores no cargo foron Ángel Rodríguez (durante os primeiros 20 anos) e Jesús Sanjosé (1994-97). Ambos tamén está previsto que asistan á celebración.

Ademais, o 1 de decembro, ás 19 horas, oficiarase unha misa na memoria dos asociados, familiares e colaboradores, e Ledicia tamén ten previsto celebrar un concerto de panxoliñas polo Nadal, segundo confirma a presidenta, que indica que despois da Sociedade Deportiva Burela —de 1966— Ledicia é a segunda asociación máis antiga do municipio; a nivel provincial ostenta o número 96. «A data da cea coincide coa data na que se inscribiu oficialmente a asociación», puntualiza. Actualmente conta con arredor de 60 familias socias.

Como chega Ledicia aos 50?: «Chega en bo estado de saúde. O período máis difícil foi o da pandemia, que se pode dicir que estivemos aletargados e sen actividade, tanto polas circunstancias sociais como porque todas as nosas actividades teñen que ver con reunión de persoas. Superada esa etapa, estamos nun momento doce. Hai moita xente participando de novo do grupo de baile e de música tradicional que, ao longo do ano, é a actividade que nos fai máis visibles», apunta Rocío, que repasa o dinamismo da sociedade no transcurso dos 12 meses.

Lembra que se ocupan da Cabalgata de Reis, «botamos unha man no Entroido, axudamos na Semana Santa participando nas procesións do Domingo de Ramos e do Domingo de Resurrección co grupo de música, participamos nas festas patronais nas procesións e sendo parte da organización, organizamos a Feira do Bonito e, durante o curso, mantemos activa a escola de baile e música tradicional, e incluso no verán mantemos ensaios para estar preparados. Desde hai case dez anos facemos cursos de tempo libre, actualmente de bordado e de encaixe de bolillos, e agora, xa en novembro, volvemos estar pendentes da cabalgata», relata.

Colaboracións

Ademais das súas actividades, esta agrupación colabora con outras. «Pola organización da Feira do Bonito e por todas as cousas nas que estamos contamos cunha serie de material e colaboramos con outras asociacións. Se fai falta un asador, prestámolo; se fai falta una pota, tamén (...) No outono tamén estivemos colaborando na Festa da Castaña cunha actuación do grupo de música infantil», asegura. Cando se lle pregunta que representa Ledicia para Burela, Rocío amósase rotunda: «Non creo que sexa a persoa para dar a resposta, pero si poido dicir que foi iniciadora de moitas cousas».

Rememora que nos seus comezos funcionou un coro que acabou derivando na constitución dunha coral, así como un grupo de teatro que estivo activo durante aproximadamente unha década. Logo chegou o grupo de baile e música tradicional «e foise picando doutras actividades». Outras accións que Ledicia tamén promoveu foron os concursos de villancicos, de fotografía, os de escaparates de Nadal, de pintura mural... «Sempre tivemos picando pedra e cousas novas e, ao final, vemos que Burela ten pintura mural en moitos sitios». Tamén organizaron exposicións de traxes tradicionais, participaron en investigacións sobre temas vinculados ao mar en relación coa Feira do Bonito, xornadas coas redeiras e cos xubilados da Moncloa...

«Aínda que hoxe en día non está todo todo reflectido na actividade actual de Ledicia, somos un punto aonde todo o mundo se pode achegar. Somos unha asociación aberta». Rivera cre que «chegar aos 50 anos é un mérito realmente noso, de pelexar, de aguantar... É como o mar, ondas arriba e ondas abaixo, momentos doces e amargos, como pasa en todas as familias, porque Ledicia é unha gran familia».

A sociedade mantén a súa actividade tendo presente que «a parte fundamental para facer cousas novas ou máis grandes é a económica. Non podemos estirar o pé máis do que dá a manta», recoñece a presidenta, que ten claro a quen se deben: «Estamos orgullosos de manter o legado da xente que nos precedeu. Pensamos que eles no seu momento fixeron unha boa semente na sociedade burelá e esa semente quedou ben arraigada. Hai anos de mellores colleitas e outros de non tan boas, e nós estamos aí para demostrarlles que o fixeron ben no seu momento».