Ana Moreiras, profesora e ilustradora, será a pregoeira das festas patronais de Burela
BURELA

«O seu pregón será especial, porque falará desde o corazón e desde a identidade que compartimos», adiantou a rexedora
27 abr 2025 . Actualizado a las 10:57 h.Ana María Fernández Moreiras, profesora e autora de banda deseñada galega, será a encargada de pregoar este ano as festas patronais de Burela. Asi o anunciaron a rexedora burelense, Carmela López, e o presidente da comisión de festexos, Rubén Pinín.
«É unha honra anunciar que Ana Moreiras será a pregoeira das festas. Ana é muller, é mestra, é ilustradora e, sobre todo, leva a Burela moi adentro. É unha persoa moi querida, comprometida coa educación, coa cultura. Coñece o que significan estas festas, o que representan para a nosa xente, e síntese parte delas. Por iso sabemos que o seu pregón será especial, porque falará desde o corazón e desde a identidade que compartimos», manifestou a alcaldesa: «Queremos unhas festas que poñan en valor o noso, que nos representen e nos fagan sentir orgullosos e orgullosas de Burela. E contar con Ana Moreiras como pregoeira é sen dúbida un paso nese camiño».
Para Rubén Pinín, Moreiras é «digna e merecedora de ser a pregoeira das festas do noso pobo». «Queremos que sexa un pregón non tan protocolario, sobre todo divertido, e seguro que o será», manifestou o hostaleiro, quen sempre defendeu que este 2025 debería ser unha muller quen dera o pregón.