Sonia Paredes, neumóloga do hospital de Burela: «Se enviasen médicos desde Lugo dous días á semana, os pacientes mariñanos evitarían centos de quilómetros»

Lucía Rey
lucía rey BURELA / LA VOZ

BURELA

«Na Mariña non somos a AP-9, pero temos dereito a unha asistencia de calidade», afirma la neumóloga Sonia Paredes Vila
«Na Mariña non somos a AP-9, pero temos dereito a unha asistencia de calidade», afirma la neumóloga Sonia Paredes Vila Pepa Losada

A especialista propón limitar contratacións en hospitais grandes ata que Burela estea cuberto;  «mándanos da Coruña a cubrir quendas a prezo de ouro», di

27 abr 2025 . Actualizado a las 11:07 h.

A neumóloga Sonia Paredes Vila (Santiago, 49 anos) leva 18 traballando no hospital de Burela. Agora fala alto e claro sobre a complexa situación que enfronta a sanidade pública na Mariña, tanto en atención primaria como hospitalaria, derivada da falta de profesionais, e que está provocando a derivación continua de pacientes a Lugo, tanto ó HULA como a centros concertados, coas conseguintes molestias persoais e gastos económicos que conleva, pero tamén o retraso en diagnósticos de patoloxías tan graves coma o cancro, nas que o tempo é clave.

—O persoal do hospital de Burela comezou a concentrarse a diario hai días, que demandan?

—Non pedimos que nos paguen máis, e nin ninguén está pedindo unha unidade de queimados, un cirurxián cardiovascular... Estamos pedindo especialistas básicos. Dixestólogos, cardiólogos, radiólogos, patólogos... Quen quere estar esperando un mes para confirmar se ten un cancro porque non chegan os resultados dunha proba...! Quen quere estar con esa angustia! Hai que xestionar con sentidiño...

—En que situación está o cadro médico do hospital?

—En urxencias debería haber 17 médicos e hai 7. Mándanos da Coruña cubrir quendas a prezo de ouro. En cardioloxía tiña que haber 3 e hai 1. En uroloxía debería haber 4 e hai 1. Se alguén necesita que o sonden e non está a uróloga, derívano a Lugo. En medicina interna debería haber 11, e hai 4 ou 5. En neumoloxía somos 2, pero hai unha praza sen cubrir. Debería haber 2 dixestólogas e só hai 1, e hai dous neurólogos, pero debería haber máis porque a lista de espera é impresionante. Xinecoloxía e trauma están ben, pero en pediatría parte dos médicos son maiores e non fan gardas, e é un problema.

—Cales son as unidades máis tensionadas?

—Urxencias, medicina interna e raios, onde debería haber 6 radiólogos e hai 3. En anatomía patolóxica debería haber 3 e hai 1, e iso fai que haxa demoras nas diagnoses de cancro porque o HULA tampouco nos resolve. Non podes tardar un mes en informar dunha anatomía patolóxica. Ó hospital chegan moitas cuestións que deberían ser resoltas en primaria, e outra xente que chega tarde e mal e págao. Xa firmei dous certificados de defunción sen que a persoa tivese un diagnóstico. Iso non é normal. Os informes de anatomía patolóxica chegaron despois.

—O Sergas afirma que non atopan xente para cubrir as prazas...

—Non se cobren por varias razóns, e nós pedimos que non contraten nos hospitais grandes ata que os pequenos, coma os de Burela, Monforte ou Verín, estean cubertos. O Sergas ten que funcionar de maneira integrada, non pode ser que cada área sanitaria faga a súa política de contratación. Entendo o xerente da área de Lugo o teña difícil porque vai «loitar» co CHUAC, co CHUS, con Vigo..., pero ó mellor temos que ir todos con el apoialo.

—O Sergas asegura que a asistencia está garantida, pero como se traduce esa eiva de persoal na atención ós mariñáns?

—Mandan á xente ó HULA para moitas cousas que deberían ser atendidas aquí. Medicina interna, cadeiras, xeonllos, hernias, cataratas, cantidade de probas..., obrigándolle á xente a facer centos de quilómetros, porque ir de Ribadeo ou do Vicedo a Lugo non é ir a Burela. Temos características especiais que hai que atender. Non somos a AP-9, pero temos dereito a unha asistencia sanitaria de calidade. Se, por exemplo, enviasen médicos desde Lugo dous días por semana nun microbús en lugar de enviar os pacientes, estes evitarían centos de quilómetros. Un exemplo: no hospital de Burela temos un espirómetro, é dicir a mesma dotación que un centro de saúde. E para facer outras probas hai que desprazarse unha hora e cuarto para soprar e volver, pero iso parece que ós xestores non lles importa, e a xente está aborregada. Deberíamos reclamar todos.