Un verán menos

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

FOZ

FAROOQ KHAN | Efe

01 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que o outono non comeza ata o 22 de setembro, é moi común a sensación de que con agosto acábase o verán. En setembro os adultos volven ao traballo e os nenos e estudantes ás aulas; os días son cada vez máis curtos e as vacacións acábanse. Psicoloxicamente, cambiamos de estación.

Na miña familia ese cambio tiña data fixa, o 24 de agosto, festividade de San Bartolo. A festa celebrábase na praia de San Cosme, alén da ría de Foz. E sempre tiña un aire de adeus. O meu pai, cada ano repetía un refrán recolleito por Noriega Varela: «Por San Bartolomeu ou inverno dille ao verán: aparta que aló vou eu!».

Lonxe quedaban as festas do Carmen, en xullo, coa procesión de barcos de pesca atronando o aire coas súas sirenas, acompañando á Virxe que protexía co seu manto aos mariñeiros en perigo; os barcos limpos e os pescadores en cuberta, vestidos de domingo, co seu capitán á fronte. Non irían a misa, pero alí estaban todos.

E tamén quedaban atrás as festas de San Lorenzo, o dez de agosto, coa súa choiva de estrelas que vías tombada na praia coa pandilla, e co baile na praza da igrexa.

Esta mañá de fin de agosto fóronse os meus veciños: é unha familia nova con nenos aínda pequenos. Despídense con optimismo: «Ata o ano que vén!». O pai di : «Foi un bo verán, a pesar do covid». E a nai, cun suspiro: «Un verán máis!». Os nenos sacan as súas mans polas ventaniñas do coche en sinal de adeus. Véxoos afastarse e non podo evitar pensar: un verán menos…