Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Adrián Naray: «Non me vía estudando para opositar pero co covid nada tiña que perder»

FOZ

Adrián Naray, fotografado en Foz
Adrián Naray, fotografado en Foz PEPA LOSADA

Para o físico mariñao, a oposición foi unha proba «moi dificil psicoloxicamente»

17 oct 2022 . Actualizado a las 12:52 h.

Adrián Naray Ares (Foz, 1997) agarda aínda que se publique no Boletín Oficial do Estado (BOE) a súa praza como novo funcionario da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), tras aprobar a oposición. Este físico e meteorólogo obtivo premio ao seu esforzo e tamén a un cambio de chip, asegura, que motivou a pandemia.

—Aemet ten un grande prestixio. Como se sente agora que aprobou a oposición?

—É curioso porque cando lle dicía á xente que preparaba as oposicións para Aemet, a maioría non sabía a que me refería. A referencia aquí é Meteogalicia, pero a nivel estatal Aemet ten moita reputación. Ademais hai un matiz, que os seus traballadores son funcionarios. Daquela, para min é moi importante a tranquilidade de saber que, se non ocorre nada malo, terei traballo para toda a vida laboral e ademais no campo da meteoroloxía, que me apaixona.

—Cantas persoas concorreron?

—No meu grupo, o A2, eramos uns 200 admitidos para a oposición, con 45 prazas a nivel estatal de acceso libre. Pero non se presentaron tantos, e no primeiro exame penso que aprobaron xa menos de cen.

—Tan difíciles eran as probas?

—Foron seis probas, aínda que en realidade eran catro exames. O primeiro era tipo test. O segundo e mailo terceiro, de inglés, un escrito e outro oral. O cuarto tratábase da resolución de problemas, con exercicios de meteoroloxía, física e matemáticas. E logo había que desenvolver por escrito un tema, e posteriormente de forma oral. Foi un proceso bastante longo. Non diría que foi dificilísimo, pero si que era esixente psicoloxicamente. O peor era o tempo entre exames, porque tiven un mes para preparar a conciencia 25 temas. A iso, que era mentalmente esgotador, engadíase o estrés de buscar hotel e avión ou tren para Madrid cuns poucos días de antelación.

—Vostede dubidaba se presentarse.

—Os que me animaron a facer as oposicións foron os traballadores de Aemet cos que coincidín, e tamén no mestrado. A calquera que me preguntara en 2018 ou 2019 se ía ser funcionario diríalle que non. Era a miña última opción, non estaba nos meus plans, porque non me vía con forzas para seguir estudando tralo mestrado e a carreira. A pandemia cambiou todo, porque non había nada que perder.

—Que tarefas vai realizar?

—A verdade é que non sei en que rama vou traballar. Hainas moi distintas, porque Aemet dedícase a moitas cousas diferentes. Os funcionarios do grupo C1 soen ser observadores de aeroportos, e os do A2 son fundamentalmente predictores do tempo, tanto aéreos como en terra e marítimos. Hainos que exercen como directores de aeroporto, climatólogos... Son os que máis se meten coa meteoroloxía práctica, facer predicións. E logo estarían os do grupo A1, que soen ser cargos directivos.

—Imaxino que tampouco ten claro por agora onde traballará.

—Nos postos intermedios, a maioría das prazas de Aemet están fóra de Madrid, en delegacións. Aquí en Galicia, na Coruña. Tamén podería traballar en aeroportos, como coordinador dos observadores. Os controladores aéreos teñen meteorólogos como asesores. Hainos nos centros de control de tráfico aéreo, en Torrejón de Ardoz e Gavá.

—Nese eido fixo as prácticas.

—En Aemet fixen prácticas do mestrado que cursei, na delegación territorial de Madrid. Realicei un traballo sobre as aterrizaxes frustradas por meteoroloxía adversa en Barajas.

—A meteoroloxía é fundamental para a vida e a actividade económica, pois todos dependemos dela. É un sector profesional en auxe?

—A verdade é que me soprendeu un pouco, porque me chegaron ofertas de traballo mentres preparaba a oposición, de Palma de Mallorca ou Madrid. Hai moita demanda por parte das renovables, sobre todo no relativo aos parques eólicos. Empresas importantes necesitan saber qué kilovatios son capaces de producir, por exemplo, porque de acadar máis potencia da concedida deben afrontar sancións. Tamén están en auxe as consultorías, que fan predicións privadas. Cando ocorreu o accidente na A-8 á altura do Fiouco, Fomento quitou un concurso para realizar un informe sobre o clima na zona. Gañou unha consultora moi potente que era das Baleares.

—Iniciou a divulgación en redes sociais pola falta de detalle que había.

—Se podo gustaríame seguir, porque A Mariña segue sendo a grande esquecida no ámbito da meteoroloxía. Moitas veces din nos partes que no litoral de Galicia van entrar néboas, cando nós sabemos que hai vento de sudoeste, é dicir, que aquí vai ir calor. Iso fastídiame porque os meteorólogos temos fama de fallar, cando o que falta é precisión a nivel local. Daquela, tento facer cousas pequenas sobre esta zona e as peculiaridades que temos, sempre cunha marxe de erro. Non buscas que a predición sexa perfecta, senón equivocarte o menos posible.

—O primeiro do que falamos é do tempo. Cre que temos a suficiente formación en meteoroloxía?

—A meteoroloxía vende moito, é popular pero a xente non a ve aínda como ciencia. Agora puxéronse de moda as «cabañuelas», cando non teñen base científica. Igual que non podemos xogar a ser médicos sen selo, habería que facer caso aos meteorólogos.