Construcciones Saa fará obras de humanización de rúas en Foz por 753.000 euros

La Voz FOZ / LA VOZ

FOZ

Actuarase no eixo entre a glorieta de Vilalba e o campo da Cabana e os viais da praza de Galicia

11 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Foz adxudicou por 752.000 euros a Construcciones Saa as obras de humanización das rúas Eduardo Pondal, Salvador de Madariaga, Irmandiños, Curros Enríquez e Praza de Galicia. A obra está financiada en 544.000 euros pola Deputación de Lugo, aportando o Concello os máis de 200.000 euros restantes.

«A obra principal consiste na humanización completa do eixo entre a Glorieta de Vilalba e o Campo da Cabana, o que coñecemos pola calle das Casas Baratas e os viais que rodean a Praza de Galicia. Vanse ampliar as beirarrúas facéndoas accesibles, novos colectores de saneamento con rede separativa de pluviais e fecais, novas conducións de electricidade, abastecemento e outros servizos, un novo firme para todas as rúas e a disposición de mobiliario urbano, ademais da mellora das farolas existentes dispoñendo luminarias led cun menor consumo e unha mellor calidade lumínica», sinalou o alcalde, Fran Cajoto, quen engadiu que as melloras ofertadas por Saa, cun investimento adicional de 86.000 euros, supoñen unha mellora moi notable.