Pepa Lorenzo Sanjurjo, a nosa compañeira, que exerceu docencia de matemáticas en Mugardos, Sada, Betanzos, Viveiro, San Cibrao e, docencia de matemáticas e xefatura de estudos da ESO no CPI Ponte Carreira (Frades), desde hai vintetrés anos, o xoves 4 de agosto, ás seis e media da tarde, fóisenos. Traballou ata o último momento, asistiu con todos e todas á comida de fin de curso, ingresou no hospital e, sen ruído, foise. Había que dicilo. Os máis íntimos acolleron o seu sorriso na sedacion suave do mediodía. Foron atopando a forma de dicilo. Fómolo sabendo todos.
Foi como un brosazo nun mar xeado. Impúxose o silencio.
Ela que viña de Foz e sabía das correntes frías, que varren e borran o superficial para escoller só o que ensina e nutre, non podía desdicir, co último xesto, unha traxectoria de coherencia e verdade inigualable. Ela que sempre decidía o último movemento, que era suxeito que escollía cando e como participar, deixounos á intemperie: con ela caeu a estrutura, rompeu a casa.
Como docente, administrou motivación, altas expectativas, respecto en todo o alumnado, solícita entrega.
Como xefa de estudos, deseñaba os espazos e os tempos de todos, como un faro onde o desnorteamento non era posible. Pasou no centro todos os meses de xullo dos últimos vintedous anos, casando horarios, situacións persoais, distancias e calendarios. Traballo que non se ve, na sombra, imprescindible nun centro educativo, que se anticipa e garantiza un bo facer a proxectar futuro.
En agosto, volvía cada ano renovarse a Foz, nesa praia de Llas, onde o mar aínda osixena e renova corpo e alma. Nese Llas que lle ensinou a ficar alerta na ourela cando o mar está revolto. Nunca foi temeraria. Mantíñalle o pulso ao medo e cadraba os riscos en ecuacións exactas. Non contemplou nunca desasistir a esa cita. Coma todos, ela tampouco sabía. Foz devolvíalle forzas, era vínculo nutricio que a renovaba para animar a todos a un novo reinicio ano tras ano.
O nordés esculpiulle a alma, para nadar no seu mar había que ser valente e atreverse. Merecía sempre a pena. Foz nunca a abandonou, ata o último momento seguiron aí os seus amigos e saltaban nomes en voz baixa como Fátima, Ana, Isabel, Fausto, Arturo, Chiti, Jesús... e a referencia a Granada, súa nai, e a outros seres, anxos gardiáns, como Genuca e Juan, que habitabades coordenadas fóra do tempo. Recóllese para todos eles seu sorriso, toca dar a mala nova, Fátima recíbea a dez quilómetros. A Jorge tócalle comunicárnolo á comunidade educativa. Cadaquén asúmeo como pode.
Ponte Carreira
Chegou a Ponte Carreira con trinta e seis anos, a vida por diante e un claustro novo. Estreamos centro, fixemos travesía xuntos, fomos entretecendo pegadas e facendo camiño, compartindo, nas encrucilladas, alma. Fomos un claustro estable e ninguén se foi de todo nunca. Seguen alí os pasos, as voces, os risos, as olladas de todos, a danza dos seus nomes. Como río aberto, en débeda co Tambre, chegaban novos afluentes e abríase o curso. Regresou Rosalía e houbo bágoas e risos, valor para ollar de fronte a partida. Recibiu agasallos deixados en recepción, silandeiros, para non alterar alertas, e tiñan nome e eran de Laurence, Marga e Gema convocando o tanxible para reterte un pouco máis, un pouco máis.
Por detrás, todos pendentes, querendo non violentar, buscando saber que facer e non había mapa. Fica aí ese interludio de silencios, palabras sen voz que son tamén arrecendos de alma que te seguiron e has facer regresar para que o mellor medre.
A docencia crea comunidades nómadas, alquimia de raros algoritmos. Ímonos coas mans baleiras todos e deixamos, no rumor das horas, visións, saberes que se colan, afectos e soños. Funciona o ensino público porque facemos tamén, libremente, o que non se nos esixe. Asumimos o compromiso de sermos guías e axudar a progresar. Edúcase co exemplo, como fixo ela. Nas redes revolvíase incrédulo o alumnado. Varias alumnas declarábanse en débeda e choraban.
Non se mide a vida en anos. Nesa hora de eternidade da túa vida, tocounos case media hora. Entregaches aquí os teus folgos, sen reserva. É cedo para entrever seus froitos. En todos os alumnos e alumnas que honren a vida, que interroguen posibilidades, midan espazos, memoricen frecuencias de olladas, e nesta comunidade, no corazón de todos e todas, has seguir viva. Na última estancia que habitaches, compartiches inquedanzas, preguntas, posibilidades con quen sempre o fixeras e, a Fefa, Luísa e Loló, de todo o claustro, por facelo, infinitas grazas. A Jorge e David, como ponte, unha voz e moitos focos que atender, solidarios e exquisitos sempre, tamén grazas. Sabermos que as amizades da infancia, as da xuventude e as do traballo converxeron, como xesto supremo de amor, ata á esperanza e convócanos á vida.
Na ruta literaria de hai anos, nun día soleado de inverno, mostráchesnos San Martiño de Mondoñedo, como corazón da infancia. Agora, pechas círculo e, es alí, en nós, rosa azul, fío de luz onde vibramos. Regresamos absortos, ensumidos na néboa, desta vez, incrédulos, sen ti. Sen ti.
Porque Pepa, enigmática Pepa, querer todos te queriamos. Por eso, por eso mesmo, non deixamos que te vaias. Queda pendente a xubilación e a celebración que tanto te merecías, horas de café sen timbre e conversas demoradas. Desta vez, querida amiga, escolles sitio e escribimos xuntos e xuntas as verbas que nos han salvar do naufraxio. Grazas Pepa, sempre grazas.