Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Miguel Freire Sánchez, un exemplo de como encarar a adversidade

Fran Bouso

MONDOÑEDO

F.M.

16 mar 2019 . Actualizado a las 17:51 h.

Miguel a min coñecíame desde que nacín, e eu a el desde que teño uso de razón. De feito, poderíase dicir que -literalmente-, nacín na súa casa. Veciño, amigo, irmán de amigos, profesor de filosofía (dentro e fóra das aulas), persoa de gran bagaxe cultural nunca pedante, hedonista, epicúreo, tamén festeiro, falador, sociable...

Exerceu a docencia da filosofía nas aulas asturianas ata o que xubilaron por mor dunha enfermidade que todo apuntaba que acabaría con el e el sabía que no lle ía deixar gañar ao mal. A xubilación oficial non impediu que continuara a espallar a súa pedagoxía, simplemente lle fixo cambiar o contexto: saíu das aulas para exercela na vida, para ser un exemplo de como afrontar a adversidade e non; aínda que deixou de respirar onte venres, 15 de marzo preto das doce da noite; foi valente e non permitiu que o mal que lle diagnosticaron acabase coa súa vida.

Os tres últimos anos foron duros para Miguel e os seus por ter que convivir co mal e coa dor que provocaba, aínda así a súa actitude positiva fixo que continuara con proxectos que xa tiña en marcha e iniciara outros novos como a Asociación de veciños do seu barrio, o noso barrio, o Barrio dos Muíños, da cal era e seguirá a ser Presidente. Combativo coas inxustizas, continuou a berrar ben alto para manter a materia de filosofía no ensino secundario e tamén, entre outras moitas cousas, pola defensa das pensións dignas como integrante do que el chamaba «comando caiao».

Unha das últimas cousas que me explicou é a súa teoría da fin da evolución humana. Onte chameino por teléfono, mentres agardaba soaba o politono Soy minero, de Antonio Molina, xa non respondeu ao teléfono.

O «aborixe belixerante do universo Os Muíños» -como se ten autodenominado- pronunciou o ano pasado un dos máis fermosos e instrutivos pregóns que teño escoitado recentemente, foi na inauguración da Feira de Artesanía dos Muíños, «un discurso sobre arte e fonomenoloxía da experiencia estética» no que se reafirmou na súa «fervente pertenza ao universo de augas, pedras, xentes e arte que constitúe o barrio». O texto enteiro pódese ler na web do seu sobriño Manuel, www.mondonedo.net.

Somos moitos os que sentimos a súa perda, non só en Mondoñedo, tamén por toda a comarca e as comarcas veciñas e ben seguro que os rios asturianos aumentarán o seu caudal a medida que a nova se vaia espallando polos lugares nos que impartiu docencia. Queremos desde aquí mandar unha fonda aperta aos seus irmáns e cuñados e aos seus sobriños e achegados e amigos. Sei (sabemos) que alá onde esteas, estarás a gusto e seguirás gozando como desfrutaches ata agora.