Espazos de Cunqueiro

MONDOÑEDO

Vista nocturna de la catedral de Mondoñedo con la estatua de Cunqueiro en primer plano.
Vista nocturna de la catedral de Mondoñedo con la estatua de Cunqueiro en primer plano. PEPA LOSADA

12 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Fálase moito dos espazos vitais de Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, Lugo, Ortigueira, Vigo, A Coruña, Santiago, Madrid, Barcelona...), pero non se fala, ou fálase moito menos, daqueles outros que encheron os seus ollos de mozo soñador que subía á Pastoriza para ver o nacemento do río Miño, ou que seguía, en dirección contraria, o curso dun reguiño que alimenta a ría de Foz, onde medraba a súa benquerida praia da Rapadoira.

Porque está ben falar do gran escritor de Mondoñedo que foi á Bretaña francesa co seu amigo Francisco Fernández del Riego para respirar identidades que supoñía moi próximas ou iguais ás súas. De feito, el sentíase natural dunha Bretaña galega, como ben lle explicara ó xornalista Alejandro Armesto camiñando a rentes da praia de Foz. Pero tamén antes estaba o mozo que amaba o val de Lourenzá —o das mellores fabas—, onde compartía amizade e conversa co seu amigo Del Riego e desde onde vía os camiños que levaban ó seu Riotorto familiar e á Bretoña pastoricense de moi verdegantes prados.

Porque Cunqueiro tiña unha imaxinación prodixiosa que, paradoxalmente, se alimentaba de visións da realidade que el reformulaba ou poetizaba conforme ás sensacións que lle inspiraba o que vía. Por iso en Foz non paraba de falar da Bretaña galega, e preto do Cristo do Fiouco sentía o impulso de poetizar sobre o verde val que comezaba en Cadavedo e seguía por A Lagoa e outras parroquias da Terra Cha, desde as que uns ríos de cursos miúdos aportaban augas ó pai Miño, o gran río de Galicia.

As visitas de Cunqueiro á Fontemiña foron innumerables, unhas veces acompañado por Paco del Riego, ou por Ánxel Fole, e outras por visitantes que recibía e ós que el lles poetizaba o espazo-berce do río maior do país. A min, que son nativo da Pastoriza luguesa, díxome un día con visible emoción: «A Pastoriza é toda esa marabiiiilla que verdea entre Meira e Mondoñedo». Era unha obviedade, pero na voz de don Álvaro Cunqueiro soaba coma unha revelación.

Escribo estas liñas porque, con demasiada frecuencia, escoito falar dun Cunqueiro urbano, pero tamén foi un home de ollada rural, como amosa nalgúns artigos e obras literarias. Os espazos de Cunqueiro poden levar —e levan— mil nomes, pero hai unha realidade que subxace debaixo desa ficción e que ten as súas raíces no seu espazo natal: un Mondoñedo de corte medieval que nuclea parroquias e aldeas.

Nada disto impide falar dun Cunqueiro «madrileño», porque en Madrid pasou un templo de gloria e de pesar. Como tamén se pode falar dun Cunqueiro «catalán», que compartiu en Barcelona conversas con grandes escritores españois e latinoamericanos, como Gabriel García Márquez… Pero esta é unha historia para contar outro día.