Desconfianza e inseguridade

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

MONDOÑEDO

MABEL RODRÍGUEZ

26 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Voamos cara ás Mariñas un grupo de amigos polo viaducto do Fiouco. Desta vez non toca néboa. A paisaxe é impresionante. Aos nosos pés, a vila de Mondoñedo. Mais de súpeto faise un silencio. «Mira que se isto escacha e acabamos todos na sancristía da catedral», comenta un dos que veñen detrás. O humor axuda. Dicía Vicente Risco que o humor é a defensa dos indefensos. Unha maneira de levar as circunstancias. Pero o silencio estaba alí e, ao final, acabamos recoñecendo que durante uns breves instantes todos pensamos no mesmo. «Mira que se isto escacha…». Quen podía imaxinar hai poucas semanas o derrube da autovía A-6 en Pedrafita? Estas cousas só pasaban nas películas. Un dos compañeiros de viaxe recoñece que cada vez que agora cruza pola ponte de Rande non pode evitar pensar no suceso da A-6. Un milagre que non houbese desgrazas persoais. E cada vez que voamos polas mil pontes que libran os accidentes xeográficos do pais, queirámolo ou non, o noso pensamento reactiva o caso.

As infraestruturas son fundamentais. A miña xeración ben recorda as case once horas de coche sen paradas, dende Madrid a Compostela, dando voltas e reviravoltas detrás dos camións. Chegabas a Vilafranca, albiscabas as subidas e xa parecía que estabas na casa. Pero non. O camiño facíase interminable, moi parecido ao que narraba George Borrow en 1846 cando entrou en Galicia vendendo biblias dacabalo dunha besta que lle comeron as moscas. As infraestruturas son fundamentais. Nisto avanzamos moito. Hai pouco que estreei o Alvia, que me puxo en Madrid dende Santiago en tres e media horas. A primeira vez que saín de Galicia foi para facer o servizo militar en Zamora, e aquilo era espectacular, todo pola beira do Miño, como na canción de Andrés Dobarro. Hoxe o tren ponse en Zamora en nada. Vai practicamente todo o tempo por debaixo da terra. Trinta e oito túneles!, díxome o revisor. Pero o meu veciño de asento non deixaba de pensar en que pasaría se a semellante velocidade se nos cruzase unha vaca. Ou caso de Aríns, aínda a medio explicar.

Pasa algo parecido nos avións. Todo progreso ten os seus riscos, certamente. No transporte, na física, nas comunicacións, na medicina… Cando a xente (a sociedade) confía non hai problema. O malo é cando xorde a desconfianza. Igual que nas institucións. Se non confiamos nas institucións (na súa honradez sobre todo), mellor cerrar o país. Non debe parecer estraño, pois, senón unha obriga, que os nosos deputados reclamen con firmeza, luz e taquígrafos, no Parlamento galego e onde proceda, un informe cumprido e transparente non só do viaducto de Pedrafita, senón das infraestruturas todas, que deben ser revisadas con periodicidade, sexan públicas ou concesións privadas, esixindo responsabilidades chegado o caso, e rexeitando ocultamentos, disimulos, medias verdades. Por elemental saúde civil. E para non acabar na sancristía.