Cunqueiro e o mes da sega do 36

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

MONDOÑEDO

24 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Aexpresión «O mes da sega na prosa de Álvaro Cunqueiro, como expresión bisémica, só aparece, ata onde eu recordo, nunha carta que o escritor de Mondoñedo lle remitiu a don Ramón Otero Pedrayo. A carta ten unha data na que cómpre reparar: 14 de decembro de 1954, polo tanto, en pleno e duro franquismo. Acaba de exhumala a oteróloga Patricia Arias Chachero no seu libro Cunqueiro e Otero Pedrayo (colección Selva de Esmelle, nº VII, 2022). Hai poucos días, o crítico literario Estro Montaña centraba a recensión do libro de Patricia Arias nesta carta, concretamente na bisémica expresión, tanto que subtitulou o seu comentario «Otero Pedrayo, Cunqueiro e a sega do 36».

Na misiva, verdadeiramente sorprendente, Cunqueiro, instado por voces amigas (que asumía), solicita de don Ramón que non acepte o convite, como conferenciante, da Asociación da Prensa da Coruña, pois o seu presidente, «Enrique Santos Bugallo, ao estalar a insurreición do 18 da sega do 36, levou unha campaña antigaleguista contra Castelao, contra vostede mesmo, contra todo o que nos era e nos é caro».

En Galicia, nas terras de trigo ou de centeo, o mes da sega é o de xullo, tanto que así se chamaba («mes da sega», «o da sega») no falar habitual dos campesiños. Non o ignoraba aquel gran auscultador da oralidade rural chamado Álvaro Cunqueiro, quen, neste texto de destino privado de 1954, á hora de optar estilisticamente (entre «a insurreición do 18 de xullo do 36» e «a insurreición do 18 da sega do 36») opta pola segunda, consciente de que sega, en sentido recto, alude a un labor agrícola, e, en sentido figurado, á seitura de vidas humanas daqueles tráxicos días de 1936. Esta bisemia (dúas acepcións), moi conscientemente empregada polo autor, era hápax, na prosa galega, no ano 1954. Por iso é

tan importante esta carta para os biógrafos de Álvaro Cunqueiro e, tamén, para os estudosos do seu estilo literario.

No libro reprodúcense tres cartas de don Ramón a Cunqueiro, posteriores a 1959, que proban a óptima relación entre eles, pero é mágoa que non coñezamos a resposta á de 1954, tan crítica cun personaxe do Réxime.